A ineficacia do Sergas provoca que enfermos crónicos non poidan renovar as receitas a tempo

Publicado por o día 21/01/2021 na sección de Política,PSOE

O portavoz de Sanidade do Grupo Socialista, Julio Torrado, levou hoxe á Comisión de Sanidade os problemas reportados polos sanitarios e os pacientes crónicos, incapaces de renovar a tempo as receitas para conseguir a medicación necesaria. Torrado presentou unha pregunta oral na que advertiu de que a xestión da asistencia sanitaria polo goberno galego resulta “insuficiente e ineficaz”.

O responsable socialista alertou da “desatención ao problema” por parte do goberno galego “non sabemos se por falla de interese ou por non ter a ben tomar medidas como fixeron outras comunidades autónomas”. Citou neste sentido o caso de Madrid, onde tomaron a decisión “interesante” de renovar automaticamente as receitas, e propuxo renovar os períodos de dous en dous, reducindo así as demandas de citas médicas.

Torrado reivindicou “medidas máis eficientes estruturalmente con máis recursos”, ademais de iniciativas a priori, antes de que se plantexe o problema, mentres o goberno galego está a afrontar a situación “cando o problema chega”, e aumentando así o tempo de finalización da receita, pero a posteriori.

O parlamentario socialista presentou no Parlamento esta situación, que afecta fundamentalmente aos pacientes crónicos que cando teñen que renovar a medicación, ao remate do período de subministro, atópanse con que tardan en atopar cita “incluso telefónica”. Desmentiu que a demora sexa de apenas 1 día, como dixo hoxe o director xeral de Asistencia Sanitaria, que “non é o que nos manifestan os profesionais sanitarios”.

A situación chega ao punto de que os pacientes teñen que conseguir a conivencia dos farmacéuticos, que lles dispensan a medicación antes de que poidan contar coa receita, co que o goberno galego está provocando que “truquen” o sistema mentres “alimentan a ineficiencia”, provocando o risco de abandono temperá de tratamentos por falla de receitas.

Torrado reclamou un reforzo da atención presencial, que segundo o conselleiro antes do Nadal se situaba no 25 por cento e tiña previsto crecer ata o 40 por cento a 1 de xaneiro, o que “sabendo que as dificultades son as que son, é un obxectivo que está mal deseñado ou mal executado, pero en calquera caso non está cumprido”.