A iniciativa ‘Mar de cultura’ da Xunta encherá Vigo de música durante esta semana desde o Museo do Mar de Galicia

A Consellería de Cultura presenta un novo festival de música 100 % galega no que se darán cita oito dos artistas e formacións máis coñecidos do país
Publicado por o día 30/11/2020 na sección de Galicia,Vigo,Xunta de Galicia

A iniciativa ‘Mar de cultura’ da Xunta encherá Vigo de música durante esta semana desde o Museo do Mar de Galicia

O novo festival Mar de cultura, impulsado pola Xunta de Galicia, encherá Vigo de música durante esta semana desde o Museo do Mar de Galicia. A Consellería de Cultura, Educación e Universidade pon en marcha o evento musical, 100% galego, no que se darán cita oito dos artistas e formacións máis coñecidas de Galicia con concertos en directo e en streaming que arrancan desde pasadomañá, mércores 2, ata o domingo 6.

O secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, e a delegada territorial da Xunta en Vigo, Marta Fernández-Tapias, deron a coñecer o cartel en rolda de prensa hoxe pola tarde. “Mar de cultura nace aquí, no mar de Vigo, como unha cita comprometida coa música, coa lingua, coa cultura e coas artistas que apostan pola promoción do uso do galego desde a súa creatividade. Como un espazo que ofrece 100% de cultura galega, de cultura segura, un evento que se poderá seguir en directo, de acordo con todas as medidas de seguridade sanitarias e tamén por streaming”, avanzou García na presentación.

“Dar os pasos adecuados para que a cultura siga a ser un sector estratéxico no futuro de Galicia precisa dunha aposta decidida, clara e valente por parte das Administracións, da participación das industrias e axentes culturais e da complicidade da cidadanía”, sinalou a delegada. Ao fío disto, recordou que Galicia foi a primeira Comunidade en deseñar unha folla de ruta específica para acompañar o tecido cultural cun Plan de Reactivación para paliar os efectos da crise sanitaria. Fernández-Tapias concluíu que a cultura é un dos principais fundamentos da nosa identidade e unha fonte de riqueza.

Acompañáronos na presentación a directora do Museo do Mar de Galicia, Marta Lucio, e o músico e compositor Emilio Rúa e os integrantes da formación Ailá Ángela Carou e Manuel Pardo.

Do 2 ao 6 de decembro

O Mar de Vigo, recuncho atlántico elixido pola nosa lírica profana medieval para dar a coñecer a súa música e as súas melodías hai case sete séculos, volve ser mar de inspiración para que nel se dean cita, en concertos en directo, oito das voces e formacións máis coñecidas da Galicia musical máis actual: Ugía Pedreira (mércores 2, ás 18,00 h.); Felisa Segade (Leilía), Uxía, Guadi Galego, De Vacas, Mar de mulleres (o xoves 3, ás 20,00 h., tamén por streaming); Ailá (venres 4, ás 20,00 h.), Silvia Penide e Carla López (sábado 5, ás 18,00 h.) e Emilio Rúa (domingo 6, ás 18,00 h.).

O evento poderase gozar en Vigo, con entrada libre e de balde ata esgotar a capacidade, do 2 ao 6 de novembro. Toda a información, calendario de concertos e reserva previa de entradas desde mañá en http://museodomar.xunta.gal/.

Comentar noticia

Your email address will not be published.