A investigación en psiquiatría na área de Vigo cumpre 20 anos

Un total de 150 especialistas exporán no Álvaro Cunqueiro as liñas máis novidosas da investigación
Publicado por o día 30/09/2018 na sección de Galicia,Sanidad,Vigo

A investigación en psiquiatría na área de Vigo cumpre 20 anos

O Hospital Álvaro Cunqueiro acolleu, durante o venres e sábado, o XX Curso de Investigación en Psiquiatría organizado pola Asociación Galega de Psiquiatría.

Un total de 150 expertos de todo o territorio nacional relacionados coa saúde mental, entre psiquiatras, psicólogos, biólogos, neurólogos e profesionais de enfermaría, participarán nestas sesións científicas.

Segundo o coordinador do curso, o xefe da área de saúde mental de Vigo, José Manuel Olivares -“nestes momentos, a investigación en psiquiatría na área de Vigo ten un consolidado prestixio nacional e somos un grupo moi competitivo, como o evidencian as importantes becas conseguidas este ano para diferentes proxectos de investigación, a do Instituto de Salud Carlos III ou a do Plan Nacional de Drogas”.

Nos últimos anos, este grupo de investigación experimentou un importante salto cuantitativo e cualitativo ao dotarse con máis recursos e novas dotacións, tanto de persoal como de equipamento. Así, hoxe en día, constitúen un equipo multidisciplinar de 30 profesionais, con gran actividade científica e con numerosas publicacións en revistas de gran impacto na especialidade.

Destacados expertos

O evento científico que se vai celebrar conta coa participación de destacados expertos internacionais como Germán Berrios, catedrático de Epistemoloxía da Universidade de Cambrigde (Reino Unido) que ofrecerá a conferencia maxistral baixo o título “¿Cuál es la relevancia para la psiquiatría del problema Mente-Cuerpo?; ou Jim Van Os, catedrático da Utrecht University Medical Centre (Paises Bajos), un dos maiores investigadores en psiquiatría do mundo.

Tamén se pode subliñar a intervención do neurólogo Ignacio Hernández do Hospital Ramón y Cajal, cunha conferencia sobre a “Big data: del concepto a la clínica” que versará sobre a aplicación da tecnoloxía á práctica clínica; ou o relatorio do psiquiatra Luís Gutierrez Rojas, del Parque Tecnológico de la Salud de Granada, que ofrecerá as “Claves para prevenir el stress en salud mental”.

Un equipo de 63 profesionais

En total, a área de saúde mental de Vigo conta con 31 psiquiatras, 17 psicólogos, 8 MIR en psiquiatría, 4 PIR (psicólogos residentes) e 3 EIR (enfermeiras en formación especializada en saúde mental).

Estes profesionais atenden, entre as Unidades de Saúde Mental e o Complexo hospitalario preto de 64.000 consultas externas – 58.000 adultos e 6.000 de psiquiatría infantil- e 7.000 urxencias anuais.

No referido á hospitalización, prestan asistencia a un millar de pacientes ingresados ao ano no Cunqueiro e a un centenar no Nicolás Peña. O 56 por cento destes ingresos débense a trastornos psicóticos agudos; isto é, trastornos mentais graves como as esquizofrenias, e os trastornos afectivos, como os trastornos bipolares, trastornos de personalidade ou as depresións severas.

No Hospital de Día atenden unha media de 100 pacientes ambulatorios, en programas diarios.

Ademais, o Servizo de Saúde Mental da EOXI de Vigo conta tamén cun Equipo de Continuidade de Coidados que presta atención domiciliaria, en vivendas tuteladas, a máis de 100 pacientes con trastorno mental.