A Lama acolle unha charla sobre protección civil para dinamiza-lo voluntariado social no municipio

O acto terá lugar no Multiusos o venres 13 ás 20:30 horas e haberá unha exhibición sobre como aplicar primeiros auxilios en caso de emerxencia
Publicado por o día 13/09/2019 na sección de Galicia

A Lama acolle unha charla sobre protección civil para dinamiza-lo voluntariado social no municipio

Membros de Protección Civil Oitavén-Tea, en colaboración co Concello da Lama, protagonizarán unha charla para fomenta-lo voluntariado social, este venres día 13 ás 20:30 horas no Multiusos, así como informar das competencias e funcións desta agrupación. No transcurso desta actividade producirase unha pequena exhibición práctica sobre primeiros auxilios que incluirá a famosa maniobra de Heimlich.

Unha das razóns da posta en marcha desta iniciativa divulgativa é familiarizar á cidadanía coa Agrupación de Protección Civil Oitavén-Tea así como informar das funcións e competencias que ten este corpo de voluntarios. Por outra banda, a charla servirá tamén para animar a aquelas persoas que teñan inquedanzas solidarias podan entrar en contacto coa Agrupación e, si o desexan, iniciar os trámites para incorporarse como voluntario.

A Agrupación de Protección Civil Oitavén-Tea está conformada por voluntarios que actúan nos concellos da Lama, Fornelos de Montes, Mondariz, Covelo e Mondariz-Balneario e que ten a súa sede en Mondariz. Tamén está prevista unha subsede na Lama onde contan cun local e material depositado, pero a falla de efectivos precisamente deste concello e do veciño de Fornelos de Montes dificulta a súa total operatividade ao longo do ano.

Esta é outra das razóns da charla que se celebrará este venres ás 20:30 horas no Multiusos da Lama, incentiva-la participación de persoas maiores de 16 anos e que teñan inquedanzas de carácter colaborativo e do voluntariado social. A Agrupación de Protección Civil Oitavén-Tea está aberta á participación de calquera interesado que estea empadroado nos concellos que conforman o destacamento e encárganse da súa formación gratuíta para que os que desexen participar vaian incrementando a súa capacitación para intervir en situación de emerxencia.