Directivos do A Lama, S.D. fixeron entrega dunha fotografía oficial da plantilla e corpo técnico do primeiro equipo ao completo á Corporación Municipal para que integre parte do patrimonio gráfico municipal ante un fito histórico como o logrado nesta temporada que acaba de rematar onde o club conseguiu o ascenso á Primeira Autonómica tras quedar primeiro na táboa clasificatoria.
O alcalde e os concelleiros que forman parte da Corporación recolleron o agasallo e posaron para a posteridade cunha foto na que todos posaron cos seus rostros cubertos por unha máscara, tal e como marcan os protocolos sanitarios para estes días polo Covid-19.
Jorge Canda, en nome da Corporación, agradeceu o agasallo e felicitou ao equipo, plantilla técnica, directiva e afeccionados polo fito conseguido e auguruoulle un futuro marcado polos éxitos deportivos e polo bo sabor e imaxe que, seguro, deixará o club nesta nova xeira que emprenderá nesta categoría.
Nos vindeiros días directivos da Lama farán entrega deste mesmo agasallo aos patrocinadores e socios colaboradores principais do clube coa intención de agradecer a súa aposta polo deporte do fútbol neste municipio e tamén como xeito de facelos partícipes deste fito histórico no palmarés do equipo lamense.
Noticias de última hora en Vigo