A lectura como apoio terapéutico ante trastornos ou adversidades

O Álvaro Cunqueiro pon en marcha o programa de biblioterapia “Lecturas saudables” como axuda en casos de problemas emocionais ou mentais
Por o 31/01/2019 | Sección: Galicia,Sanidad,Vigo
A lectura como apoio terapéutico ante trastornos ou adversidades

Servir de axuda para coñecer e superar determinados problemas emocionais ou mentais é o obxectivo do programa “Biblioterapia, lecturas saudables” que puxo en marcha a Consellería de Sanidade e que se implantou hai días no Hospital Álvaro Cunqueiro, no que se atopa a Unidade de Saúde Mental de enfermos agudos da área sanitaria viguesa.

A iniciativa parte dunha premisa que considera o uso do libro e a lectura en si mesma como método terapéutico na abordaxe dos diferentes trastornos mentais e as causas que os producen. De feito, no Plan Estratéxico da área sanitaria de Vigo inclúese a saúde mental como un dos principais obxectivos asistenciais.

O programa consta de 142 títulos de distintos contidos, agrupados en dous grandes bloques: autoaxuda e desenvolvemento persoal, este último a través de novelas ou escritos de non ficción. Unha serie de libros están especialmente dirixidos aos adultos e outra a menores e adolescentes.

Os temas das obras seleccionadas son moi variados e reflicten situacións concretas. Desde os problemas de ansiedade ata as relacións tóxicas de parella, pasando polos trastornos do sono a como afrontar a dor ou as emocións negativas. Ou novelas nas que se afrontan cuestións cotiás como as tomas de decisións, as emocións ou como relativizar os problemas.

O grupo de expertos que elaborou a lista de libros centrou o seu esforzo na análise dunha serie de títulos, facendo unha revisión paralela e analizando os textos que finalmente conformaron o listado definitivo, vendo a súa idoneidade e que efectos poden ter sobre o paciente.

Os volumes atópanse xa a disposición dos interesados, tanto pacientes como familiares ou persoal, na biblioteca do hospital. A responsable da mesma, Yolanda Sanmartín, explica que “temos xa todos eles a disposición de quen queira solicitalos, mediante préstamo por un período de 15 días”.

Unha guía

Para a selección dos títulos, a Consellería de Sanidade editou unha pequena guía na que se diferencian por grupos de idade e por temática concreta todos os volumes dispoñibles, así como un pequeno resumo do seu contido.

A guía engloba unha serie de propostas e recomendacións que serán de utilidade ao profesional sanitario para que, no contexto da súa consulta, poida “prescribir” un determinado libro a un paciente con trastorno mental. A través destas lecturas guiadas, a persoa non só poderá obter un coñecemento máis profundo do seu problema, senón tamén unha maior confianza no manexo e na abordaxe dos seus síntomas.

Aínda que o programa xurdiu como apoio a persoas con trastornos da Unidade de Saúde Mental, a biblioteca do Álvaro Cunqueiro xa iniciou a súa difusión polo resto das unidades de hospitalización, así como no Hospital de Día. “Hai pacientes que están ingresados noutros servizos e que poden presentar algún tipo de trastorno derivado de sufrir unha intervención cirúrxica ou por necesitar hospitalización por outras patoloxías”, subliña a bibliotecaria do Álvaro Cunqueiro”.

Boa acollida

Nos poucos días que leva de implantación o programa, a acollida é boa e xa se realizaron préstamos dalgúns dos títulos. “Xa hai pacientes que solicitaron libros, e os propios profesionais considérano unha boa iniciativa”, explica a supervisora da Unidade de Saúde Mental de agudos, Carolina Barreiro.

O sistema de préstamos é moi sinxelo e consiste en que os pacientes ou familiares que desexen ler un determinado libro, dos que aparecen na guía, acudan á biblioteca do hospital para solicitalo. Con todo, se o paciente non pode facelo por si só, será acompañado por persoal da Unidade ou ben o propio persoal encargarase de recollelo sempre que non poida saír da súa zona de hospitalización.

Este proxecto de biblioterapia foi impulsado pola Unidade de Asesoramento Científico-Técnico (Avalia-t), da Axencia do Coñecemento en Saúde (ACIS), e coordinado en colaboración co Servizo de Saúde Mental e Atención ás Drogodependencias do Sergas e Bibliosaúde (Biblioteca Virtual do Sistema público de saúde de Galicia).

Comentar noticia

Your email address will not be published.