A Lei de Ordenación do Territorio (LOT) entrará en vigor o vindeiro 15 de febreiro, un mes despois da publicación desta nova normativa no Diario Oficial de Galicia, tal e como se recolle na Disposición xeral que hoxe publica o DOG. Deste xeito, a sociedade galega conta cun novo instrumento que actualiza, simplifica e axiliza a planificación urbanística, coa finalidade de evitar desequilibrios e mellorar a planificación territorial da Comunidade.
Grazas á LOT garántese a cohesión social e mellórase calidade de vida de todos os galegos, completando así o camiño que se iniciou no ano 2016 coa aprobación da Lei do Solo e, posteriormente, do seu regulamento, e actualízase unha norma que contaba con 25 anos de vixencia; ao tempo que se pecha a renovación do marco normativo autonómico en materia de urbanismo e paisaxe.
Os grandes criterios e obxectivos, aos que responde esta nova lei, son facilitar o desenvolvemento ordenado do medio natural e do solo como ben limitado, garantir a protección dos valores paisaxísticos e a sostibilidade ambiental, facer accesibles os servizos e infraestruturas públicos, e loitar contra o cambio climático.
Unha das principais novidades é a creación dos Proxectos de Interese Autonómico como único instrumento de intervención directa no territorio, en substitución dos Proxectos Sectoriais de Incidencia Supramunicipal. A súa función será a de planificar e executar actuacións no territorio que transcendan o ámbito do municipio polo seu impacto territorial, económico e sociocultural, como pode ser a implantación de dotacións urbanísticas ou a ampliación de grandes empresas e infraestruturas públicas como, por exemplo, hospitais.
Outra novidade é que fixa un único procedemento de tramitación para todos os instrumentos de ordenación co fin de axilizar a xestión administrativa e evitar duplicidades. Deste xeito, someteranse a avaliación ambiental estratéxica, ordinaria ou simplificada, integrando o procedemento ambiental no de tramitación do propio instrumento.
Tamén é unha lei que simplifica administrativamente a súa aplicación práctica, ao reducir a catro o número de instrumentos de ordenación: Directrices de Ordenación do Territorio; Plans territoriais (diferenciando entre integrados e especiais, en función da súa maior ou menor escala e ámbito de afección ambiental); Plans Sectoriais; e Proxectos de Interese Autonómico.
Cómpre destacar que, en virtude da LOT, tamén crea o Rexistro de Ordenación do Territorio e Planeamento Urbanístico de Galicia, co que se garante unha maior seguridade xurídica, transparencia e accesibilidade. Neste rexistro deberán inscribirse todos os instrumentos de ordenación do territorio antes da súa entrada en vigor, unha garantía de que se trata da súa versión definitiva e de que, tanto administracións como cidadanía, poderán acceder ao seu contido.
Cómpre lembrar que a aprobación da Lei de Ordenación do Territorio enmárcase dentro da aposta decidida da Xunta desde hai máis dunha década para poñer a disposición dos galegos máis dunha decena de normas, instrumentos e ferramentas coas que acadar o equilibrio entre o crecemento urbanístico e o económico da Comunidade autónoma. Un corpus normativo ao que se sumarán, en breve, as Directrices da Paisaxe, que nas próximas semanas serán remitidas ao Consello da Xunta para a súa aprobación.
Noticias de última hora en Vigo. Te contamos todo lo que sucede en nuestra ciudad. Desde los sucesos más relevantes hasta artículos de opinión y de interés.