A libreria viguesa especializada en literatura infantil e xuvenil “Libros para Soñar” presentara “Mentres ti dormes e outras historias silenciosas”, na sesión de animación de contacontos

Publicado por o día 06/02/2020 na sección de Cultura,Eventos,Vigo

A libreria viguesa especializada en literatura infantil e xuvenil “Libros para Soñar” presentara “Mentres ti dormes e outras historias silenciosas”, na sesión de animación de contacontos

“Mentres ti dormes e outras historias silenciosas” é o lema da sesión de contacontos de mañá venres, dende as 18:30 horas en LIBROS PARA SOÑAR (rúa Triunfo, 1), destinada a nenas e nenos a partir de 4 anos. O fío condutor do repertorio de animación á lectura será unha obra da autora arxentina Mariana Ruiz Johnson, «Mientras tú duermes», que gañou o Silent Book Contest 2015. Trátase dun libro silente que, unicamente a través das ilustracións, conta unha historia a partir dunha escena na que unha nai lle conta un conto ao seu fillo antes de durmir.

Publicado por KALANDRAKA, «Mientras tú duermes» inaugura a colección Libros sen palabras, na que as ilustracións asumen toda a carga narrativa e emotiva do relato. Nesta obra, as lectoras e os lectores son trasladados dende o fogar da familia protagonista ata o exterior da casa, ampliando a viaxe ao barrio e máis aló da cidade, ata o mundo dos soños e da fantasía.

Os libros distinguidos co premio Silent Book Contest caracterízanse, ademais, por tender pontes entre persoas de diferentes países, idiomas e culturas, en tanto a ausencia de textos nunha lingua  determinada favorece que non existan barreiras de comunicación, facilitando a interrelación en termos de diversidade, tolerancia e respecto.

Mariana Ruiz Johnson gañou este certame dous anos despois de ter recibido o VI Premio Internacional Compostela de Álbum Ilustrado por «Mamá». No seu estilo destaca o colorido das ilustracións e o uso de texturas que reforzan a calidez das páxinas, nas que abundan os animais humanizados, as celebracións e a ledicia que se envolven nunha vexetación exuberante.

Tras estudar Artes Visuais no Instituto Universitario Nacional de Arte, en Bos Aires, Mariana Ruiz Johnson ampliou a súa formación na escola Sótano Blanco co ilustrador colombiano José Sanabria e mais en diversos obradoiros de ilustración. Os seus libros están presentes en Latinoamérica, Europa e Asia.

PRÓXIMAS ACTIVIDADES

«Mientras tú duermes» tamén centrará a sesión de contacontos para bebés, o vindeiro mércores 12 de febreiro ás 17:30 horas, con asistencia previa inscrición. As historias de amor, como «Crocodilo namorado», de Daniela Kulot, serán o tema do encontro lector do próximo venres 14. Seguiralle, xa en pleno Entroido, o venres 21, a sesión dedicada a contos como «O pequeno indio», de Ricardo Alcántara e Gusti.

Precisamente, a sala de exposicións de LIBROS PARA SOÑAR acolle neste mes as ilustracións deste último libro para prelectores e primeiros lectores. Son imaxes de trazos áxiles e dinámicos, con escenarios e cores ambientados nas paisaxes do Oeste americano, e cunha expresiva proposta gráfica que reflicte o tránsito da ficción á realidade.

Comentar noticia

Your email address will not be published.