A liña de evacuación eléctrica do proxecto eólico Pena Forcada-Catasol II pode arruinar unha das mellores vistas da Costa da Morte

A empresa promotora recoñece na documentación ambiental presentada a consulta pública que o tendido será “altamente visible” en máis do 75% do trazado desde o Alto da Fernandiña, considerado como un dos enclaves panorámicos de 360 graos máis destacados do norte galego.
Publicado por o día 05/07/2018 na sección de A Coruña,Galicia

A liña de evacuación eléctrica do proxecto eólico Pena Forcada-Catasol II pode arruinar unha das mellores vistas da Costa da Morte

A infraestrutura proposta por Gas Natural Fenosa / Naturgy pretende levarse a cabo atravesando as localidades de Laxe, Cabana de Bergantiños e Zas e afectando a tres comarcas de alto valor paisaxístico (Costa da Morte, Terra de Soneira e Bergantiños) comprendidas dentro da Gran Área Paisaxística de “Chairas e Fosas Occidentais”, o que ademais alterará a percepción da paisaxe desde os altos de Ou Castelo, As Penas e Corte das Cabras.

Nesta zona, tal como fixo constar a Asociación Salvemos Cabana nas súas alegacións ao Estudo de Impacto Ambiental, a preservación da paisaxe debería ser un obxectivo priotario antes que calquera outra consideración debido á súa singularidade, de aí que a afirmación da promotora de que “para a elección do trazado da liña tratráronse de evitar as áreas de maior calidade paisaxística” non é sustentable pois na práctica a instalación do tendido destruirá o atractivo natural da zona, perfilando un horizonte cheo de torres e   artificializando a paisaxe, convertendo desta forma os montes afectados (e ata a data inalterados) nunha zona de carácter industrial.


Doutra banda, resulta do todo inaceptable que o proxecto poida exporse mentres as Directrices da  Paisaxe de Galicia están todavía en fase de tramitación, pois isto posibilita que a promotora non teña que xustificar durante a avaliación ambiental como se incorporaron ao proxecto os obxectivos de calidade paisaxística e os factores determinantes establecidos para as unidades de paisaxe nas que se pretende executar esta actuación.

Por iso, debido a estas circunstancias, é necesario considerar este proxecto, do mesmo xeito que a instalación de aeroxeradores a escasa distancia da  Lagoa de Traba en Laxe como pretende o proxecto eólico asociado e o seu  homónimo de   Mouriños en Cabana, como incompatible cos postulados do Convenio Europeo da Paisaxe, que recoñece que as paisaxes deben ser protexidas e son “elemento fundamental na contorna humana, expresión da diversidade do seu patrimonio común cultural e natural” e “fundamento da súa identidade”.