A loita pola igualdade de xénero na ciencia, unha carreira de fondo

Remarcouse a necesidade de que as nenas teñan exemplos próximos de mulleres que fan I+D
Publicado por o día 18/10/2019 na sección de Galicia,Universidade de Vigo,Vigo

A loita pola igualdade de xénero na ciencia, unha carreira de fondo

Co fin de dar a coñecer as liñas de investigación desenvolvidas por mulleres tanto dende a Universidade de Vigo como doutras institucións, a Unidade de Igualdade e o Centro de Investigacións Biomédicas (Cinbio) celebraron este venres unha xornada sobre a ciencia dos materiais con perspectiva de xénero. A finalidade é afondar nos traballos realizados por científicas en eidos relacionados cos ámbitos de coñecemento dos tres graos que se imparten as facultades que comparten o Edificio de Ciencias Experimentais: Química, Ciencias do Mar e Bioloxía, como explicaba a investigadora Verónica Salgueiriño, do Departamento de Física Aplicada.

A vicerreitora de Investigación, Belén Rubio, inaugurou a xornada destacando que “este tipo de iniciativas son importantes para divulgar ciencia entre o propio persoal investigador da Universidade e para que a xente saiba o que se está facendo, desde a perspectiva de xénero”. Rubio incidiu en que “é importante que as nenas vexan exemplos próximos de mulleres que fan investigación de referencia en Galicia”. E é que segundo ela mesma apuntaba, “as rapazas deben saber que poden ser nais, investigadoras, profesoras, xestoras… podemos facelo e temos que dar visibilidade a este traballo”, engadiu. Respecto dos estudos realizados polas investigadoras que participaban na xornada, a vicerreitora sinalou que “para ter innovación antes hai que ter ciencia básica e débense seguir impulsando este tipo de traballos porque é o que impulsará o coñecemento do futuro”.

Na xornada participaron Carmen González Sotelo, do Instituto de Investigacións Mariñas (CSIC);  Inma Ratera, do Centro de Nanotecnología y Materiales Moleculares do Instituto de Ciencia Materiales de Barcelona (ICMAB); Lucía Gutiérrez, Instituto de Nanociencia de Aragón (INA); e Sara Núñez Sánchez, do Cinbio.

A visión dunha investigadora do Instituto de Investigacións Mariñas

A primeira das intervencións correu a cargo de Carmen González Sotelo, investigadora do Instituto de Investigacións Mariñas (CSIC), que reflexionou sobre a perspectiva de xénero na institución na que traballa e na que un 64% do persoal investigador son homes. González Sotelo aclarou que “hai diferenzas por áreas, xa que nalgunhas, como recursos naturais ou física, preto do 80% son homes, mentres que noutras, como ciencia e tecnoloxía dos alimentos, son maioría as mulleres”.

Segundo a súa propia experiencia, a fenda existente entre homes e mulleres pode estar, en parte, motivada por condicionantes culturais e educacionais, especificando que “moitas veces somos nós mesmas as que nos poñemos límites”. González Sotelo informou de que “no CSIC na fase de profesionalización da investigación obsérvase que a fenda entre homes e mulleres é moito maior. Así, segundo datos de 2018, había un 26% de investigadoras nesta etapa fronte a un 74% de investigadores”.

Non obstante, sinalou que a súa experiencia na institución “non foi negativa pero non foi un camiño de rosas porque hai sectores dominados por homes, como a pesca, onde a presenza de mulleres é minoritaria”. A relatora afirmou que “estamos nunha carreira de fondo” e admitiu que “as investigadoras anteriores  achandaron o camiño, como é o caso da primeira presidenta do CSIC, Rosa Menéndez, que foi nomeada hai só dous anos nunha institución que leva en activo máis de 80”. “As cousas están empezando a cambiar pero estamos no século XXI xa”, recoñeceu.

Carmen González insistiu en que “ser investigadora é esixente, hai moita competencia e a conciliación familiar se complica ás veces” e recoñeceu que “queda moito camiño por andar para ter unha igualdade plena”. Pero a investigadora insistiu en que “manténdonos firmes nisto que é unha vocación é a única maneira de que podamos avanzar”.

Andamios para un crecemento celular máis rápido

A investigación realizada por Carmen González céntrase no aproveitamento de descartes da pesca para a obtención de coláxeno e a súa caracterización para a posterior aplicación en diferentes ámbitos. Actualmente, o coláxeno que se emprega a nivel mundial procede de mamíferos, pero estanse a buscar novas orixes como a mariña, aínda que hoxe esta só supón o 0,4% da produción mundial.

O seu grupo extrae o coláxeno de subprodutos da pesca como as peles de cefalópodos ou quenllas e o caracterizan. En colaboración con grupos de investigación da Universidade de Vigo como o de Física Aplicada ou Novos materiais, xunto con outras institucións académicas como a Universidade de Miño, intenta estudar as propiedades do coláxeno para aplicacións biomédicas. “A partir de coláxeno fabricamos hidroxeles que forman unha matriz onde se poden sementar células con capacidade rexenerativa”. “Son coma andamios de coláxeno para a medicina rexenerativa. Son estruturas que demostraron permitir un crecemento moito máis rápido das células”, sostivo.

Por outro lado, fixeron investigacións para estudar a capacidade destes coláxenos para capturar hidroxiapatitas, materiais de tipo fosfato cálcico moi demandados en enxeñaría de tecidos para reparar, substituír ou rexenerar tecidos óseos. O obxectivo é axudar á rexeneración de ósos ou cartilaxes, descubrindo que a rexeneración é moito máis rápida empregando estes materiais de orixe mariña ca outros.