A maior transformación urbana da historia de Ponte Caldelas, a piques de comezar trala adxudicación das obras da praza de España e xardíns de Carballal

O Concello selecciona as ofertas presentadas polas empresas Audeca e Nexia Infraestruturas, que actuarán sobre 4.000 metros cadrados
Publicado por o día 24/09/2018 na sección de Galicia,Ponte Caldelas

A maior transformación urbana da historia de Ponte Caldelas, a piques de comezar trala adxudicación das obras da praza de España e xardíns de Carballal

As empresas Audeca e Nexia Infraestruturas foron seleccionadas para as obras de humanización da praza de España e dos xardíns de Carballal. Na licitación aberta polo Concello de Ponte Caldelas, estas firmas presentaron as mellores ofertas. Un total de 23 construtoras, con sede social en diversos puntos de España, concorreron ao procedemento.

Os últimos trámites apúranse estes días co obxectivo de que as obras podan comezar canto antes.  O prazo de execución máximo é de tres meses, polo que as actuacións poderían estar rematadas entre finais deste ano e comezos do próximo. As obras, adxudicadas en 266.836,80 euros e 202.578,72 euros, respectivamente, reordenarán e darán sentido a un espazo duns 4.000 metros cadrados situado en pleno centro urbano de Ponte Caldelas.


O Goberno local caldelán (PSdeG-PSOE, AVP e BNG) destaca o importante volume de investimento  previsto,  gracias ao cofinanciamento da Deputación Provincial a través  do Plan de Reequilibrio e do Plan Concellos. De feito, trátase da maior obra urbana, tanto por custo como por superficie, acometida na historia recente de Ponte Caldelas.

O proxecto baséase na creación dun gran espazo peonil que despexará todos os obstáculos existentes na praza de España,  especialmente os restos dunha rotonda obsoleta onde, de antigo, estivo a biblioteca municipal. Ao mesmo tempo,  a parada de taxis  será trasladada a un punto moi próximo na avenida de Vigo. A nova praza manterá, sen embargo, un carril de tráfico para dar saída á circulación da avenida de Marín (lateral da Alameda).

Supón tamén a reestruturación dos xardíns de Carballal para convertelos nunha gran fonte luminosa na cabeceira mesma da Alameda, transformando este espazo nunha nova referencia visual de Ponte Caldelas. O actual chafarís, que data do ano 2003, será trasladado e dotado de iluminación nocturna para convertelo no elemento protagonista dunha nova praza que o Concello habilitará na explanada existente entre o parque infantil central  e o colexio Cordo Boullosa.

O Concello tamén inclúe a reordenación do primeiro tramo da avenida de Vigo nesta reforma urbana. O resto desta rúa, incluíndo o paso fronte ao Balneario ata a ponte, será reformado cunha obra inmediata para dotar a zona de aparcamento en batería, con capacidade total para uns 200 coches. Créase así a gran bolsa de estacionamento que Ponte Caldelas necesitará en breve para dar servizo ao futuro Balneario. O Concello, que comprou a propiedade á “Sareb” hai escasos meses, xa está a traballar no procedemento para licitar a construción e explotación dun novo establecemento termal chamado a converterse nun motor da economía e do turismo local.