A maioría do comité de empresa de BorgWarner aposta por convocar folga indefinida ante a ameaza de deslocalización

O persoal mobilizarase este xoves coincidindo coa última xuntanza para negociar o convenio
Publicado por o día 09/12/2020 na sección de Galicia,Protestas,Sindicatos,Vigo

A maioría do comité de empresa de BorgWarner aposta por convocar folga indefinida ante a ameaza de deslocalización

A maioría do comité de BorgWarner, empresa da automoción con centros de traballo en Vigo e Nigrán, aposta pola convocatoria dunha folga indefinida a partir do luns día 14 ante as ameazas da dirección de deslocalizar a fábrica a Portugal se non acepta os recortes no convenio que contempla a súa proposta. O cadro de persoal desenvolverá unha mobilización este xoves diante do hotel Coia a partir das 10:00 horas, coincidindo coa celebración da última xuntanza entre as partes coa mediación do AGA.

Dende a maioría da representación dos traballadores/as explican que a convocatoria de folga foi rexistrada oficialmente hoxe mesmo, a expensas de que os traballadores/as amosen o seu apoio á medida de presión nas asembleas que terán esta fin de semana no local da CIG de Vigo.

A folga indefinida chega tras máis dun ano de reunións para negociar o convenio, período no que a empresa anunciou un ERE extintivo para 103 persoas, que finalmente non chegou a executar porque pactou coa parte social un acordo de plan voluntario de baixas incentivadas.

A empresa tivo que dar marcha atrás despois de que o comité convocara unha folga indefinida, tras o que se abriu un período de negociación coa mediación do AGA.

Neste tempo a dirección de BorgWarner amosouse “totalmente intransixente” aos intentos da parte social de que retirase estas medidas “tan lesivas” para o conxunto do persoal, e chegou a ameazar con desviar os proxectos de nova adxudicación para a planta de Viana do Castelo (Portugal), o que suporía o peche da fábrica de Vigo.

Isto traduciríase na perda de preto de 700 postos de traballo directos e indirectos, co conseguinte impacto na economía da comarca. BorgWarner conta na actualidade conta cun cadro de persoal de 480 traballadores/as indefinidos/as.

Comentar noticia

Your email address will not be published.