A mala xestión política do Partido Popular pon en situación de precaridade os servizos sociais de Redondela

Precariedade no departamento de Servizos Sociais.
Por o 13/04/2019 | Sección: AER,Galicia,Política,Redondela
A mala xestión política do Partido Popular pon en situación de precaridade os servizos sociais de Redondela

A Agrupación de Electores de Redondela (AER) vén de denunciar o abandono por parte do goberno local do Partido Popular do Departamento Municipal de Servizos Sociais. Cada vez vén sendo máis preocupante a total descoordinación política da Concellería de Servizos Sociais, dirixida por Mari Carmen Amoedo. Así é o que está acontecendo coa contratación de dúas traballadoras sociais por un período de 5 meses a través dunha bolsa da Deputación. Este novo persoal foi contratado sen que se habilitase un posto de traballo para poder atender aos usuarios de Servizos Sociais coa necesaria confidencialidade e uns medios mínimos para desenvolver a súa labor. Ou sexa, podendo empregar a planta baixa do actual edificio de servizos sociais ou algunha dependencia acorde coa súa función, non é así, e dificilmente van poder desenvolver dignamente o seu traballo deambulando por diferentes dependencias dos diferentes edificios municipais. Precisan de inmediato un espazo físico de traballo que sexa seguro e permanente.

O alcalde de Redondela, Javier Bas, leva meses desmantelando o Departamento de Servizos Sociais, retirándolle os locais que precisan para desenvolver o seu traballo e cedéndollos a diversas entidades sociais que fan uso deles de xeito parcial. Estase de facto producindo un boicot do propio goberno local a todo o entramado de Servizos Sociais público do noso concello. O único que o goberno local busca é un titular de prensa alardeando de ter contratado dúas novas persoas para Servizos Sociais, obviando a escasa calidade na que se ofrece o servizo. Queda claro que este goberno adoece dunha clara incapacidade para planificar e coordinar unha concellería tan relevante como é a de Servizos Sociais.

A situación non queda aquí. Cabe resaltar o importante retraso nas tramitacións que Servizos Sociais padece. Retrasos que veñen dende o mes de agosto, sobre todo en xestións relacionadas con emerxencia social, que precisan sempre de rápidas respostas.

Catro meses sen seguridade en Servizos Sociais.

O Departamento de Servizos Sociais precisa de xeito permanente da presenza de persoal de seguridade especializado, pois existe risco de acontecer situacións tensas ou conflitivas por parte dalgúns usuarios. Xa non é a primeira vez que as traballadoras teñen recibido ameazas e mesmo sendo intimidadas, non podendo posuír ningunha ferramenta de autodefensa, polo que é totalmente necesario contar con presenza de membros da policía ou persoal de seguridade.

Ata finais do ano 2018, tanto a oficina de Redondela como a de Chapela contaban con cadanseu policía local de xeito permanente. Coas xubilacións e baixas recentes de numerosos membros do corpo da Policía Local, este corpo atópase baixo mínimos, sendo unha das consecuencias a eliminación da seguridade en Servizos Sociais dende o mes de xaneiro. O goberno local despreocupouse deste servizo ata que recentemente

as funcionarias recibiron fortes ameazas e insultos dun usuario exaltado e a situación estoupou. Ante esta situación o alcalde, Javier Bas, quedou totalmente en evidencia no que respecta á súa mala xestión respecto a seguridade deste departamento. A solución foi contratar seguridade privada con catro meses de retraso. O persoal de Servizos Sociais tivo que avisar de urxencia á Policía Nacional para recibir auxilio en tal situación.

Ao ter que recorrer Javier Bas a seguridade privada, amosa por outra banda a situación crítica na que se atopa o departamento da Policía Local, sen reposición dos seus efectivos e nunha situación baixo mínimos, non podendo deste xeito cumprir con tódolos cometidos que lles corresponde de protección e velar pola seguridade da veciñanza.

Precariedade nos cursos de alfabetización e educación de adultos.

Outros dos servizos que o Concello ofrece dende hai anos é o de alfabetización e educación secundaria de adultos (ESA). Este servizo é esencial para moitas persoas que precisan de formación básica para poder mellorar a súa situación laboral. Dende o goberno local deprézase este servizo que ofrece o Departamento de Servizos Sociais cambiando o lugar de impartición unha e outra vez, levando a un aumento da precariedade na que se imparte estes cursos.

Inicialmente impartíanse nos baixos da antiga Casa da Cultura, pero foi desprazado á planta alta do Multiusos xa que o goberno local cedeulle ese local á Cruz Vermella. Xa atopándose no Multiusos, impartíronse estas clases durante un tempo na planta alta ata que novamente o goberno local desprazou este servizo público para instalar alí o Obradoiro de Emprego Municipal, que á súa vez foi desprazado para ceder senllos locais a dúas novas entidades sociais alleas ao Concello. Para o goberno local, a dotación de locais públicos dalgunhas entidades antepoñéndoas aos dos propios servizos sociais públicos estase convertendo nun sinal de identidade. Para AER é necesario colaborar coas entidade sociais de Redondela e mesmo habilitar locais conxuntos onde poidan desenvolver as súas actividades, pero nunca por enriba das propias posibilidades municipais e moito menos desmantelando os servizos sociais públicos do noso concello, tal como está a facer o goberno local.

A dependencia do Concello de Redondela e da Xunta, das entidades sociais alleas ao propio Concello, para suplir as súas propias carencias en atención aos Servizos Sociais municipais, lonxe de baixar, polo que se demostra, aumenta cada vez máis. Claro síntoma de que este servizo municipal empeora a cada paso.

Actualmente os cursos de alfabetización e ESA cambiáronse de novo de local, esta vez para a planta baixa do Multiusos, impartíndose nunha aula sen os medios necesarios, con material defectuoso e onde xa ten desaparecido material docente. As obras que se veñen realizando no exterior do Multiusos empobreceu asemade a calidade do servizo ao resultar imposible impartir as clases co forte ruído as obras ocasionan. Unha situación de total precariedade promovida polo goberno local do Partido Popular.

Comentar noticia

Your email address will not be published.