“A malherboloxía ten gran parte das respostas a un dos maiores retos da humanidade: alimentar unha multitude cada vez máis numerosa de xeito sostible”

Vigo acolle ata este xoves o XVII Congreso SEMh2019
Publicado por o día 08/10/2019 na sección de Galicia,Universidade de Vigo,Vigo

“A malherboloxía ten gran parte das respostas a un dos maiores retos da humanidade: alimentar unha multitude cada vez máis numerosa de xeito sostible”

“A malherboloxía debe potenciar a súa presenza na sociedade porque, non só conta con profesionais de referencia a nivel internacional, senón que tamén ten gran parte das respostas e das claves de investigación e desenvolvemento para un dos maiores retos da humanidade: alimentar unha multitude cada vez máis numerosa con menos ferramentas e facelo nun contexto de cambio climático e de xeito máis sostible”. Así de contundente se amosou o reitor da Universidade de Vigo, Manuel Reigosa, durante a xornada inaugural do XVII Congreso da de la Sociedad Española de Malherbología, SEMh 2019, un evento que durante tres días reúne na sede de Afundación en Vigo máis de 100 especialistas nesta ciencia que estuda a bioloxía e o manexo das malezas ou malas herbas, un dos problemas máis urxentes na agricultura moderna e unha das chaves na conservación da biodiversidade e dos espazos naturais e no control de especies invasoras.
Organizado polo grupo de investigación da Universidade de Vigo Agrobioloxía ambiental: calidade de solos e plantas, membro da Agrupación Estratéxica Citaca, en colaboración coa Misión Biolóxica de Galicia (CSIC), o reitor quixo aproveitar a súa presenza no congreso para agradecer que a Sociedade Española de Malherboloxía elixira Vigo para acoller un congreso “que recordaredes sempre polo fluxo de coñecemento, polas relacións de futuro que estableceredes e polos novos proxectos nacionais e internacionais que vos pode traer”.

Trátase dunha cita bianual e de referencia en España na investigación e transferencia no eido da malherboloxía que nesta ocasión reúne ademais a especialistas de Portugal, Reino Unido e Estados Unidos. Ademais, “a participación das empresas neste congreso é fundamental, xa que se trata dun nexo imprescindible para facer efectiva esa transferencia dende os centros de investigación públicos e privados e dende as universidades á sociedade”, salientou a profesora da Universidade de Vigo Nuria Pedrol, coordinadora do Comité Organizador.

Durante a inauguración, a concelleira de I+D e Dinamización Administrativa do Concello de Vigo, Ana Mejías, destacou a importancia de participar neste tipo de congresos “porque son un momento extraordinario para compartir coñecementos, avances, proxectos de investigación… nunha área que traballa mirando o futuro e buscando o progreso”. Pola súa banda, o presidente da Sociedade Española de Malherboloxía, Joaquín Aibar, lembrou os 30 anos que cumpre a SEMh, “tres décadas de andadura, con 17 congresos e infinidade de xornadas técnicas de gran transcendencia nas que se intenta abordar os problemas locais cos nosos traballos”.

Máis innovación e interdisciplinariedade

Baixo o lema Novas estratexias para novos reto’, ata o 10 de outubro os investigadores e investigadoras afondarán no avance cara estratexias de control que posibiliten un manexo integrado e sostible de malezas agrícolas e invasoras, abríndose máis á innovación e tratando de intensificar comunicación e colaboracións interdisciplinares. Será en seis sesións temáticas: busca de herbicidas con novos modos de acción; control químico e resistencia a herbicidas; manexo integrado; estratexias eco-innovadoras; diversidade, estabilidade e servizos ecosistémicos; e bioloxía e manexo de especies invasoras. A conferencia inaugural correu a cargo de Nilda R. Burgos, presidenta da International Weed Science Society, Department of Crop, Soil, and Environmental Sciences da University of Arkansas e versou sobre os retos, investigación e xestión da malherboloxía moderna.

O congreso completarase cunha saída técnica á Misión Biolóxica de Galicia en Pontevedra, o veciño centro do CSIC adscrito á área de ciencias agrarias, que ofrecerá unha visita guiada polos distintos departamentos de investigación, incluíndo as súas instalacións e parcelas experimentais. Esta edición conta tamén coa colaboración do Concello de Vigo e de bodegas Pazo Señoráns, xunto co patrocinio de Bayer, FCM, Syngenta, Adama, Ascenza, BASF, Corteva Agriscience, FTS AgroConsulting, Belchim, Galdemic, e Phytoma, moitos deles socios protectores da SEMh dende os seus orixes.

Seis bolsas de inscrición para estudantes de doutoramento e varios premios

Grazas ás achegas dos patrocinadores, e como recoñecemento á tarefa investigadora dos e das participantes máis novos, o Comité Organizador premiou con bolsas de inscrición a seis estudantes de doutoramento. Ademais, para maior estímulo, a calidade das súas investigacións competirá polo Premio Phytoma á mellor comunicación presentada por estudantes predoutorais. Como é tradicional na SEMh, no congreso de Vigo se entregará o Premio Actas SEMh 2019 á mellor comunicación presentada no congreso, segundo criterio do Comité Científico. Acompañan a estes galardóns o Premio SEMh á mellor tese de doutoramento e o Premio SEMh á mellor publicación científica do ano. Todos eles serán entregados durante a cea do congreso no Real Club Náutico de Vigo, a noite do 9 de outubro.

Comentar noticia

Your email address will not be published.