“Lonxe de traballar nos aproveitamentos lucrativos dos convenios urbanísticos, o Concello está evitando ter vivendas en propiedade directa que permitan dotarse de parque co que dar resposta tanto a situacións de emerxencia como á creación dun sistema de vivenda pública con alugueiros regulados, tal e como funcionan en case todas as grandes cidades do estado – explicou hoxe Rubén Pérez, voceiro do Grupo municipal – Un sistema que evite, dende a xestión pública, os brutais incrementos nos alugueiros urbanos que estamos a vivir en Vigo e que xa son dos principais problemas aos que se enfrontan as familias viguesas”.
Marea de Vigo lembra por exemplo a errónea decisión de 2014 de acometer a venda das vivendas de Rosalía de Castro, e que un ano despois, xa coa Marea de Vigo no consistorio, foi negada a posibilidade de paralizar a venda cando aínda quedaban 16 vivendas, coa opción de empregar os recursos económicos obtidos, naquela altura 5 millóns de euros, en adquirir máis vivendas con valores catastrais menores para aumentar o parque. “Non se nos fixo caso e finalmente os 5 millóns de euros foron empregados para o rescate infame do Auditorio Mar de Vigo” matizou Rubén Pérez.
No caso do barrio do Cura, o criterio do 30% da reserva para a vivenda suxeita a algún réxime de protección pública, aplícase, según Marea de Vigo-Son En Común, “de xeito sorprendente á edificabilidade e para os terreos que son necesarios para o proceso de urbanización” e non “ao número final de vivendas existente” polo que, cando estean rematadas as 400 vivendas existentes apenas o 7,5% terán algún tipo de protección. Un proceso máis de converter os centros urbanos en espazos privativos para as clases traballadoras da cidade.
Para Oriana Méndez, concelleira de Son En Común, un feito indicativo disto é “a celeridade de propoñer o túnel soterrado de Porta do Sol con saída en Alfonso XII, un túnel que de xeito descarado é un servizo complementario do proceso de urbanización máis que unha alternativa para o soterramento da Porta do Sol”. “Este proxecto – proseguiu a concelleira – fíxose ademais saltándose varios dos requisitos da UE para os proxectos DUSI, como é a consulta e recollida das demandas da veciñanza da zona”.
Noticias de última hora en Vigo. Te contamos todo lo que sucede en nuestra ciudad. Desde los sucesos más relevantes hasta artículos de opinión y de interés.