A Marea Feminista amosa a súa fonda indignación pola referencia á violencia machista na ofrenda do Apóstolo

Onte o Presidente do Parlamento, Miguel Santalices, durante a misa da ofrenda nacional ao Apóstolo, pedíalle forza polas vítimas do machismo.
Publicado por o día 27/07/2018 na sección de En Marea,Galicia,Política

A Marea Feminista amosa a súa fonda indignación pola referencia á violencia machista na ofrenda do Apóstolo

Dende a Marea Feminista, como xa fixemos en numerosas ocasións ao longo deste curso político, seguimos denunciando o cinismo dun Partido Popular que nin entende nin ten a máis mínima vontade de entender o que é, o que implica e as consecuencias da violencia machista, xa que so deste modo podería xustificarse o xeito de actuar do PP: recurtar sistemáticamente os recursos para previr e intervir contra a violencia machista e no día da patria pedir auxilio ao apóstolo. É un insulto á intelixencia de calquera persoa.

É inconcebible para tódalas mulleres que o goberno de Feijoo, o goberno da Xunta, no canto de implementar políticas que erradiquen a violencia cara as mulleres as tumbe cando son votadas no Parlamento coa súa maioría absoluta e faga un exercicio de deixación de funcións solicitando a intercesión do apóstolo para para “rematar con este drama”.

A violencia machista non é ningunha prioridade para o PP, e delo hai numerosos exemplos:dende o pacto de estado que asinaron e non cumpren ata as leis que non desenvolven ou non aplican, pasando polos recurtes en servizos públicos destinados á atención específica das mulleres como os centros de información á muller, as casas de acollida, as prestacións, etc. No ámbito xudicial, o Partido Popular non tivo ningún tipo de problema en deixar aos xulgados especializados en violencia de xénero sen xuízas en época estival, ao non nomear substitutas, cuestión moi grave xa denunciada por En Marea o ano pasado e que trouxo como consecuencia que este verán si se cubrisen esas prazas (sen intercesións divinas, sinxelamente forzando a actuar a investir recursos a quen ten a obriga e responsabilidade de facelo pero non a vontade).

Dende a Marea Feminista cremos que a prevención é esencial neste ámbito, prevención inexistente para os gobernos do PP, que o máis que fan é saír ás rúas en datas sinaladas coma o 8 de marzo ou o 25 de novembro a facerse as fotos de rigor, pero sen máis calado. Boa conta da percepción que teñen no Partido Popular das mulleres son as campañas que sacaron durante este curso político, como a do 25 de novembro “O máis grande de Galicia non se maltrata”, cousificando ás mulleres comparándoas co patrimonio material galego, transmitindo uns valores que nada teñen que ver coas reivindicacións desa data. Esas non son as políticas pola igualdade e contra a violencia machista que queremos. Queremos políticas feministas reais, nas que as mulleres sexamos suxeitos e non obxectos, onde teñamos voz, políticas nas que se invistan recursos suficientes para deixar de contar mulleres vítimas de asasinos machistas, para deixar de ter medo polas rúas, políticas para tecer espazos seguros, en tódolos ámbitos das nosas vidas.

Sabemos que as cousas non se acadan con bos desexos senon con traballo, implicación, sensibilización, mobilización…. e diso o 8 de marzo deste ano foi un clamor que o PP non quixo escoitar, xa que non mudaron nada, ao contrario, cargaron contra o movemento feminista e as mulleres que loitaban polos seus dereitos, porque sabemos que se paramos nos para o mundo.

Hai cuestións básicas que deben ser tidas en conta polas políticas que nos gobernan, cuestións que nos incumben a tódalas mulleres e sobre as que as administracións públicas teñen unha importancia esencial, que non temos garantidas e que dende En Marea e dende a Marea Feminista demandaremos sen resignarnos ata que sexan realidade, como por exemplo, fomentar a coeducación e a corresponsabilidade nas ensinanzas regradas, dotar de medios e recursos suficientes os dispositivos especializados en atención ás mulleres como centros de información, xulgados (onde a día de hoxe non está garantido que haxa intérpretes de linguas estranxeiras dispoñibles para a atención das vítimas antes e durante toda a tramitación dos procedementos xudiciais, nin a asistencia letrada gratuíta de xeito inmediato), implementar a perspectiva de xénero na atención sanitaria, etc.

Parte desas cuestións foron levadas por En Marea e tratadas no Parlamento, espazo onde o Partido Popular pode tomar decisións que si inflúan na vida das vítimas de violencia machista, con políticas reais e non deixadas ao albur de divinidades, pero no Parlamento o PP veta calquera tipo de iniciativa que non responda aos seus parámetros.

Dende a Marea Feminista seguiremos loitando por acadar un mundo libre de violencias machistas, un mundo no que o feminismo estea no centro de tódalas políticas.