A Marea feminista condena os casos de violencia machista acontecidos nesta fin de semana

Publicado por o día 11/03/2019 na sección de En Marea,Política

A Marea feminista condena os casos de violencia machista acontecidos nesta fin de semana

O 8 de marzo volveu ser unha xornada histórica para o feminismo no noso país, unha xornada de visibilización e reivindicacións, onde as mulleres volvemos amosar que se nos paramos para o mundo, pero non nos equivoquemos, queda moito camiño por percorrer.

Durante a pasada fin de semana, 3 mulleres foron asasinadas a mans das súas parellas: Estrella Domínguez, natural de Sober, era asasinada en Madrid o 8 de marzo, Gloria Tornay, en Estepona (Málaga) e María Aboy, asasinada onte en Valga.

Dende a Marea Feminista amosamos a nosa tremenda repulsa e indignación ante estes novos casos de violencia machista. Non nos resignamos, nin nas institucións nin nas rúas, seguimos comprometidas e traballando pola igualdade, pola eficacia nas políticas e accións contra a violencia machista.

A violencia machista, esa sangría que non cesa, é algo normalizado na nosa sociedade, como temos denunciado en múltiples ocasións, e dende as administracións públicas pouco se fai por erradicala.

Dende a Marea Feminista continuaremos nas rúas, mobilizándonos co movemento feminista para esixir recursos, políticas preventivas, actuacións eficientes… Non nos resignamos, porque nos vai a vida nelo, por iso, facemos un chamamento a participar nas mobilizacións que, unha vez máis, terán lugar en diferentes lugares do país nestes días como mostra de repulsa ante estes crimes machistas. Dende aquí mandamos moitos azos ás familiaa e amizades destas mulleres.