A Marea Feminista denuncia o nulo compromiso feminista do Partido Popular

Publicado por o día 08/10/2018 na sección de En Marea,Política

A Marea Feminista denuncia o nulo compromiso feminista do Partido Popular

Tralo éxito das masivas mobilizacións do 8M, Feijóo instou ao goberno a “tomar nota”, afirmando que “o 8M foi un clamor que temos que entender os gobernos”. Dende a Marea Feminista afirmamos categoricamente que non entenderon nada, polo que denunciamos o cinismo amosado polo Partido Popular ao arroupar sistematicamente condutas machistas dos seus representantes políticos.

Son numerosos os exemplos que se poden citar destas vergoñentas actuacións de políticos do PP facendo valer o machismo máis rancio do que fan gala: Ao fío da folga feminista do pasado 8 de marzo, o TSXG ven de sentenciar que o goberno galego actuou “con vontade de privar de repercusión apreciable” os paros, é dicir: confirmaron que Feijoo intentara rebentar a folga feminista con servizos mínimos ilegais, entre eles, os da CRTVG, o servizo de emerxencias 112 e o propio departamento de Presidencia do Goberno.

Pero o “(nulo) compromiso feminista” do PP non remata aí: Inda lembramos o caso de Jose Manuel Baltar, o presidente da Deputación Provincial de Ourense, denunciado por ofrecer traballo a cambio de sexo, que estivo arroupado en todo
momento, incluso cando estaba sendo investigado, pola cúpula do Partido Popular.

O alcalde de Palas de Rei, Pablo Taboada, foi condenado, alén de por prevaricación, a un ano e medio de prisión e nove de inhabilitación por acoso laboral á secretaria municipal, ao considerarse probadas as presións, insultos e comportamentos que desacreditaban á traballadora por parte dun grupo de edís do PP. As mostras de apoio ao alcalde por parte de dirixentes do PP neste caso tamén foron numerosas, e segue no poder pese a esta condena.

O alcalde de Noia, Santiago Freire, participando nun acto con motivo do Día Internacional da Muller decidía incorporar ao seu discurso unha serie de chistes machistas e comentarios vexatorios cara as mulleres. Neste caso, tódolos grupos da oposición pediron a súa dimisión, o alcalde pediu desculpas “por un minuto fatal no discurso”.

Fai uns días, o alcalde de Vilanova de Arousa, Gonzalo Durán, referíase a Carmela Silva, presidenta da Deputación de Pontevedra, como a “chacha para todo do alcalde de Vigo”. O alcalde, lonxe de pedir desculpas, reafirmase nas súas declaracións (“¿Yo? Ni de coña dimito”, chegou a manifestar) e da por feito o apoio da súa organización, asegurando “yo soy partido y el partido piensa como yo”. Para o PP, foron “desafortunadas declaracións”, sen máis.

A oposición pediu a dimisión de Durán, esixíndolle a Feijoo o su cese Este mesmo luns, o coordinador de En Marea Mondoñedo, Manuel Germade, presentaba un escrito por rexistro do concello ante a falta de vontade da institución para a colocación dun Punto Lila de información e orientación ante posibles casos de violencia sexista nas concorridas festas de San Lucas. Neste caso, o Partido Popular amosa unha vez máis o seu nulo compromiso en materia de feminismo e igualdade, argumentando que o Concello non dispuña de cartos nin de recursos para montar o Punto Lila. Ante a imposibilidade da colaboración, dende En Marea Mondoñedo emprazan ao grupo de goberno municipal a tomarse en serio e darlle a importancia que merece á violencia machista, aportando algo máis de respecto e de
ética que a que amosaron nesta ocasión.

Poderíamos enumerar moitas máis actitudes machistas por parte de representantes públicos do Partido Popular, pois non son casos illados: como se pode observar, o PP alenta e arroupa este tipo de situacións.

Dende a Marea Feminista entendemos que este tipo de comportamentos, este tipo de declaracións, non son de recibo, pois reflicten a ideoloxía machista e misóxina destes dirixentes.

Os partidos políticos non poden tolerar actitudes machistas nos seus representantes porque se o fan, se non toman medidas, son cómplices e responsables, pois son colaboradores necesarios na existencia de prácticas machistas no ámbito da administración, xa sexa local, provincial ou autonómica.

Dende a Marea Feminista preguntámonos ata cando dende o Partido Popular se vai seguir insultando, descalificando, denigrando e vexando ás mulleres co arroupo do seu máximo responsable e sen que haxa ningún tipo de resposta, pois entendemos que non hai lugar para o machismo na política, polo que seguiremos denunciando calquera tipo de actitude machista, calquera comportamento que atente contra as mulleres, e esixiremos responsabilidades políticas para quen estea implicado, por acción, complicidade ou omisión.

#QuerémonosVivas #QueremosnosLibres