A Marea Feminista esixe a Santalices que remate coas súas peticións en relación á violencia machista na ofrenda ao Apóstolo

Publicado por o día 30/12/2018 na sección de En Marea,Política

A Marea Feminista esixe a Santalices que remate coas súas peticións en relación á violencia machista na ofrenda ao Apóstolo

O Presidente do Parlamento de Galicia, Miguel Ángel Santalices, exercía este domingo de delegado rexio na ofrenda ao apóstolo, a quen lle pediu, como xa fixera en anteriores ocasións, “superar problemas como o da violencia de xénero”.

Dende a Marea Feminista, como xa fixemos en reiteradas ocasións, denunciamos o cinismo exercido tanto polo Presidente do Parlamento como polo Partido Popular, pois nin entenden nin teñen a máis mínima vontade de entender o que é, o que implica e as consecuencias da violencia machista, pois so deste modo podería xustificarse o seu xeito de actuar: ao recortar sistematicamente os recursos persoais, materiais e económicos para previr e intervir contra a violencia machista e ao tempo pedir auxilio ao apóstolo. Ese xeito de actuar é un insulto á intelixencia de calquera.

É inconcebible que o goberno da Xunta, no canto de implementar políticas que erradiquen a violencia cara as mulleres as tumbe cando son votadas no Parlamento coa súa maioría absoluta e faga un exercicio de deixación de funcións solicitando a intercesión do apóstolo para “solucionalo”.

Se algo caracterizou este 2018 foi a folga feminista do 8M e as masivas mobilizacións desa xornada. Feijoo instaba ao goberno a tomar nota: “O 8M foi un clamor que temos que entender os gobernos”, asegurou, mais dende a Marea Feminista cremos que non entenderon (ou non quixeron entender) ese clamor e alén de “tomar nota”, pouco fixo o goberno da Xunta.

De feito, o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia sentenciou que o goberno galego actuou “con vontade de privar de repercusión apreciable” os paros desa xornada, é dicir: confirmou que o goberno de Feijoo intentara rebentar a folga feminista con servizos mínimos ilegais, entre eles, os da CRTVG, o servizo de Emerxencias 112 e o propio departamento de Presidencia do Goberno.

Pero non so aí se reflicte o nulo compromiso feminista do goberno do Partido Popular: remata o 2018 e lamentablemente, seguen incumprindo a lexislación en materia de igualdade e violencia machista, non levan a cabo, por falta de vontade política, medidas que poderían redundar en beneficio para toda a sociedade como aumentar o número de xulgados de violencia de xénero dotándoos de persoal (con formación específica en xénero) e recursos suficientes, implementar a coeducación e a prevención no eido educativo ou dotar orzamentariamente con recursos suficientes as partidas económicas vencelladas.

Non so nas políticas, nas propias actuacións, os dirixentes do Partido Popular amosan o seu cinismo e o seu nulo compromiso feminista, pois non teñen xustificación as actitudes machistas e de acoso (incluso con condenas firmes) de representantes públicos do PP como o presidente da Deputación de Ourense, o alcalde de Palas de Rei, o alcalde de Noia, o alcalde de Vilanova de Arousa… que amosan que non son casos illados, mais o máximo responsable, o Presidente da Xunta, arróupaos, alentando este tipo de situacións por non reprobalos nin tomar medidas e o Presidente do Parlamento reduce a súa actuación neste eido ao albur de deidades.

Por todas as compañeiras que xa non están, por nós mesmas e polas que virán, non nos resignamos: queremos políticas feministas reais, nas que as mulleres sexamos suxeitos e non obxectos, onde teñamos voz, políticas nas que se invistan recursos suficientes para deixar de contar mulleres vítimas de asasinatos machistas, para deixar de ter medo polas rúas, políticas para tecer espazos seguros, en todos os ámbitos das nosas vidas.

Dende a Marea Feminista seguiremos loitando por acadar unha sociedade libre de violencias machistas, unha sociedade na que o feminismo estea no centro de todas as políticas, pois entendemos que non hai lugar para o machismo, nin na sociedade nin na políticA.

Una respuesta para "A Marea Feminista esixe a Santalices que remate coas súas peticións en relación á violencia machista na ofrenda ao Apóstolo"