A Marea Feminista non comparte a teima da xustiza en facer a instrución dun posible caso de suicidio asistido no xulgado de violencia de xénero

En Marea reclama o dereito a unha morte digna e defende a regulación da eutanasia e do sucidio asistido para que non se repitan casos como o do conxuxe de MXC que axudouna a falecer tras 30 anos de enfermidade e padecementos terminais
Publicado por o día 07/06/2019 na sección de En Marea,Política

A Marea Feminista non comparte a teima da xustiza en facer a instrución dun posible caso de suicidio asistido no xulgado de violencia de xénero

A Audiencia Provincial de Madrid vén de acordar que a instrución do caso do suicidio asistido de MXC, a muller con esclerose múltiple que despois de trinta anos de enfermidade e con padecementos terminais se quitou a vida coa axuda do seu cónxuxe, continúe no Xulgado de Violencia sobre a Muller que xa o investigaba.

Dende o Xulgado de Violencia sobre a Muller, nun primeiro momento rexeitaron ocuparse do caso, ao considerar que a muller manifestara de forma expresa, seria e inequívoca que quería morrer e que para iso precisaba a axuda do seu cónxuxe.

Dende a Marea Feminista consideramos intolerable que se produza unha situación así e reclamamos que se lexisle sobre a despenalización da eutanasia e o suicidio asistido, para que cada persoa que padeza este tipo de enfermidades non se teña que enfrontar ao terrible dilema de poñer á súa familia na tesitura de ter que escoller entre ver a unha persoa esmorecer ou ir á cadea por un delito como o que se lle atribúe ao marido de MXC.

Este non é un caso de violencia de xénero, e tratalo así é un menosprezo para as vítimas de violencia machista e un insulto para este home, que o único que fixo foi, á petición da súa parella, que expresara de forma reiterada o seu desexo de morrer, axudala a rematar co seu sufrimento.

O cónxuxe de MXC non se ocultou, como fixeron outras persoas que axudaron a morrer a familiares, por medo a ser procesadas, pois o suicidio asistido está penado con entre dous e dez anos de cárcere, senón que o fixo a cara descuberta e criticando que non se aprobara a despenalización na pasada lexislatura.

Dende a Marea Feminista e dende En Marea como espazo político reclamamos o dereito a unha morte digna e defendemos a regulación da eutanasia e o suicidio asistido, para que non se produza nunca máis un caso como este.