A Marea Feminista responde a Pablo Casado: “As mulleres decidimos!”

O líder do PP mostrou a súa intención de derrogar a lei do aborto en prazos de 2010, para volver á de supostos de hai 34 anos
Por o 08/02/2019 | Sección: En Marea,Política
A Marea Feminista responde a Pablo Casado: “As mulleres decidimos!”

O líder do PP, Pablo Casado, amosouse partidario de derrogar a lei do aborto de prazos, aprobada en 2010, para retroceder 34 anos e volver á de supostos, de 1985, relacionando a citada lei coa demografía e coa viabilidade das pensións, asegurando que o PP aposta por unha cultura progresista a favor da vida nun país cun inverno demográfico que pon en risco o sistema de pensións, o sistema de saúde e o sistema de prestacións públicas.

A lei de 1985 despenalizou o aborto nos supostos de violación, risco para a saúde física e psíquica da nai e malformación no feto, mentres que a de 2010, en vigor, permite o aborto libre nas primeiras semanas de xestación.

Casado asegurou non entender como un país desarrollado pode ter un aborto libre ata a semana vinte ou ata a 22 en certos supostos, espetando que “hai moitísima demanda de adopción”. Dende a Marea Feminista aclarámoslle que é inaceptable mesturar ambos temas: a adopción é unha medida en relación ao dereito de toda menor a vivir nunha familia.

Dende a Marea Feminista defendemos que os poderes públicos debe garantir o dereito das mulleres a ter control respecto da súa sexualidade, incluída a saúde sexual e reprodutiva, e a decidir libre e responsablemente sobre a súa maternidade. O contrario supón unha vulneración grave deses dereitos e un ataque frontal contra a liberdade, a dignidade e a integridade das mulleres.

Estamos fartas de que os homes lexislen por nós, sen contar con nós. Ningunha muller pode ser forzada a unha maternidade non desexada. O dereito a decidir supón o recoñecemento das mulleres como persoas autónomas, responsables, libres…. para tomar as decisións que lles atinxen.

Rexeitamos imposicións nos nosos corpos, resultado de políticas que non nos teñen en conta nin tan sequera para algo tan básico como é o dereito, que non a obriga, de reproducirnos.

Cómpre non confundirse: a dereita e a extrema dereita non comezan polas mulleres ao azar: Este tema da votos, o machismo e a misoxinia son transversais e o feminismo é a maior forza contra eles, o feminismo sabe que ninguén pode quedar atrás.

Simone de Beauvoir escribiu “O segundo sexo” no ano 1949, onde afirmaba: “Non esquezades xamais que bastará unha crise política, económica ou relixiosa para que os dereitos das mulleres volvan a ser cuestionados. Eses dereitos nunca se dan por adquiridos. Debedes permanecer vixiantes durante toda a vosa vida”.

As declaracións de Pablo Casado confirman estas verbas de Simone de Beauvoir. Non permitiremos nin un paso atrás no tocante aos dereitos e liberdades das mulleres. O feminismo freou a lei do aborto de Gallardón e non permitiremos que o capricho de Pablo Casado nos leve a trinta anos atrás.

O PP non entende, nin quere entender o que é o feminismo e o que é a violencia machista. Para o PP as mulleres somos moeda de cambio nas negociacións coa extrema dereita. Non o imos consentir.

Comentar noticia

Your email address will not be published.