A Marea Feminista súmase ao #TodasSomosLaura?

Publicado por o día 18/12/2018 na sección de En Marea,Política

A Marea Feminista súmase ao #TodasSomosLaura?

Hoxe confirmábase o asasinato de Laura Luelmo, outra muller á que con 26 anos lle arrebataron o seu dereito a vivir polo simple feito de ser muller. Foi Laura a asasinada, pero puidemos ser calquera. Laura, profesora, trasladarase a El Campillo (Huelva) en busca dun soño, para aproveitar unha oportunidade laboral exercendo de profesora.

Un chío seu en Twitter, un alegato feminista, foi o símbolo da rabia e dor de miles de mulleres, co que encheron as redes sociais, pois nel, xunto a unha ilustración asinada por ela mesma e en defensa das mulleres, facía mención ao 8-M. Tamén compartira un chío co texto “Ensínante a non ir soa por sitios escuros en vez de ensinar aos monstros a non selo. Ese é o problema”.

Dende a Marea Feminista negámonos a asumir que a mensaxe que se nos queira transmitir é que temos que encerrarnos de novo, negámonos a escoitalo sequera, non nos resignamos. Sabemos que non avanzaremos como sociedade nin onseguiremos a igualdade mentres as mulleres teñamos medo, mentres volvamos a casa coas chaves entre os dedos, preparadas para calquera agresión. Non o conseguiremos mentres teñamos que saír a correr acompañadas, porque 9 de cada 10 mulleres teñen medo de facelo soas. Non o conseguiremos mentres deixemos de facer cousas por medo, polo simple feito de ser mulleres. Non o conseguiremos mentres siga habendo mensaxes de “cheguei a casa. Todo ben” porque sabes que poderías non estar na casa ou non estar todo ben.

Unha sociedade na que se lle chama “presunción de inocencia” a non crer ás mulleres, na que se cuestiona por que Laura saíu a correr soa, etc. é unha sociedade que tolera e lexitima que ás mulleres nos violen e nos maten, é unha sociedade na que as mulleres vivimos con medo diariamente por nós mesmas, polas nosas fillas, amigas, irmáns…

Somos persoas, temos dereito a vivir libres, temos dereito a chegar a casa á hora que nos apeteza, a ir a correr cando nos pete, de noite ou de día, a dicir que non a manter relacións sexuais, a emborracharnos sen que ninguén aproveite esa circunstancia para abusar de nós.

Basta xa de poñerse camisetas, posar para fotos con cartaces feministas, encherse a boca falando de feminismo, igualdade, violencia de xénero… e cando é preciso, mirar cara outro lado. Basta xa de lavados de cara. Precísanse decisións valentes e medios suficientes para rematar co terrorismo machista, é prioritario: ás mulleres vainos a vida nelo. Queremos vivir libres e sen medo.

#TodasSomosLaura