A mellora urbana da praza de España, avenida de Vigo e Xardíns de Carballal de Ponte Caldelas abrangue 4.000 metros cadrados

Ponte Caldelas gañará un gran espazo semipeonil e consolida un núcleo de centralidade urbana e comercial ao redor da Alameda
Publicado por o día 02/04/2018 na sección de Galicia,Ponte Caldelas

A mellora urbana da praza de España, avenida de Vigo e Xardíns de Carballal de Ponte Caldelas abrangue 4.000 metros cadrados

As dúas obras que o Concello vai acometer nos espazos comprendidos entre a praza de España e a avenida de Vigo, por un lado, e os xardíns de Xerardo Carballal, polo outro, crearán un gran espazo de centralidade para o territorio urbano. Coa transformación dunha superficie de case 4.000 metros cadrados dotarase á vila dun gran núcleo de convivencia de preferencia peonil e tamén dun novo polo comercial.

O Goberno local tripartito (PSdeG-PSOE, AVP e BNG) ultima estes días o comezo do proceso de licitación co obxectivo de comezar xusto despois das festas das Dores, a principios de setembro. O prezo de licitación é de 382.125 euros e de 287.876 euros, respectivamente. O prazo de execución de ambas, que serán simultáneas, é de catro meses, polo que se intentará que estean rematadas para a Noitevella. As dúas actuacións prevén unha substitución integral dos servizos soterrados, especialmente do saneamento e do abastecemento de auga.

Na praza de España proxéctase unha actuación sobre 2.615 metros cadrados, que abrangue tamén a avenida de Vigo, dende o cruce principal ata o encontro coa rúa Rosalía de Castro (a carón do parque infantil). Neste tramo resitúase a parada  de taxis,  queda prevista a carga e descarga e respectánse todos os accesos aos vados.

O novo pavimento será ao mesmo nivel, evitando as beirarrúas. A superficie estará acabada en tiras de pedra de granito de 10 centímetros de grosor e formigón de cor negra. As zonas de tráfico das avenidas de  Vigo e de Marín estarán separadas con bolardos extraíbles. A iluminación manterase cos actuais farois. Ademais, haberá novos bancos para permitir gozar do espazo.

Á cabeceira da Alameda, onde están os xardíns de Carballal colocarase unha nova fonte activa e lúdica mediante sistema de bombeo, onde poderán instalarse ata 15 chorros. Estará ornamentada con iluminación led RGB para cada surtidor e quedará controlada por reloxo astronómico e paralización automatizada durante inclemencias meteorolóxicas. Ao redor haberá xardineiras de chapa metálica galvanizada, papeleiras e tamén bancos. Todo o conxunto quedará presidido pola escultura da troita e realzado por un báculo de iluminación de 15 metros de altura. Ao pé da escultura quedará gravado na pedra a lenda “A troita, o peixe máis bonito do mundo”. O espazo desta actuación é doutros 1.332 metros cadrados.

A actual fonte do chafarís, que foi reinstalada en 2004 por unha escola-obradoiro que substituíu o seu vaso orixinal redondo por outro poligonal, será desmontada e restaurada para corrixir as fugas e problemas de estanqueidade que presenta. Será recolocada no centro da rotonda que se vai executar no espazo entre o parque infantil e o colexio Cordo Boullosa. Todo este espazo será obxecto dun asfaltado integral e tamén quedará liberado dos colapsos de tráfico nas horas de entrada e saída do colexio porque o aparcamento dos autobuses escolares trasládase ao Camiño da Valdarrosa (a costa do instituto).

O alcalde, Andrés Díaz, anuncia que Ponte Caldelas contará cunha referencia urbana aliñada co urbanismo do século XXI, pero sen renunciar aos seus valores tradicionais. “A min paréceme incrible que a praza de España sexa tan fea, porque ten algúns edificios moi notables e está ao lado da Alameda”. O peor de todo, subliña, é que resulta inservible para Ponte Caldelas, a pesar do seu tamaño. Díaz non dubida en señalar que este espazo foi mal tratado historicamente, considerado como un “sobrante” e por iso foron acumulándose alí elementos inconexos, sen ningún criterio estético ou funcional. “Agora”, remarca, “queremos darlle un sentido de conxunto, sempre coa Alameda como peza central”.

Ao mesmo tempo destaca a oportunidade que se abre para o comercio local, dado que nesta zona, que debería ser a máis prezada de Ponte Caldelas, hai locais e edificios baleiros.

“Ponte Caldelas dá un paso adiante para poñerse bonita e amosar a toda a bisbarra que estamos orgullosos do noso e que queremos abrirnos para que os demais veñan tamén a gozalo con nós”, concluíu.