A memoria colectiva como fonte coa que xerar contidos virais

A cargo da profesora da Universidade dos Açores Gabriela Funk
Publicado por o día 24/09/2018 na sección de Galicia,Pontevedra,Universidade de Vigo

A memoria colectiva como fonte coa que xerar contidos virais

O concepto de meme, as construcións xeradas con textos, imaxes ou vídeos, que se distribúen pola rede ata converterse en virais, foi o eixo da conferencia que este luns impartiu na Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación a investigadora da Universidade dos Açores María Gabriela Funk, e na que abordou o papel que a linguaxe en xeral e máis concretamente os proverbios poden xogar na creación deste tipo de contidos. “Os refráns recorren a unha herdanza cultural, á memoria colectiva, e polo tanto, xa teñen garantida unha aceptación de partida, que é o que o meme tamén busca; ideas, palabras, imaxes ou historias que estean gravadas na nosa memoria e se prestan para unha brincadeira”, salientou esta investigadora da área da lingüística, que ten nos proverbios o eixo do labor investigador que desenvolve desde hai máis de dúas décadas.

De feito, nunha conferencia presentada polo profesor do Departamento de Comunicación Audiovisual e Publicidade Iván Puentes, Funk non só achegou diferentes exemplos de como os refráns acaban sendo empregados na construción de memes, senón tamén do seu uso en publicidade ou na comunicación política e institucional. “Desde o punto de vista dos contidos, esta conferencia é transversal a moitas das materias que temos na facultade, porque se centra nalgo tan básico e tan transcendente como son os memes e a viralización de contidos nas redes sociais e faino ademais desde un punto de vista lingüístico”, salientou Puentes na presentación desta investigadora do Departamento de Linguas Modernas desta universidade portuguesa, onde imparte tamén docencia no grao en Relacións Públicas e Comunicación.

Empregados tanto de xeito literal como de forma parcial ou a través da adaptacións, os refráns téñense convertido nun elemento “moi empregado nas redes sociais”, como recoñece Funk, que incide nese senso en que se trata “dunha unidade cultural que se presta moito para facer memes” e contribuír á “divulgación de ideas e conceptos, de forma xeralmente humorística ou satírica”. Esa presencia de elementos recoñecibles para unha comunidade motiva tamén, explicou, que o uso de refráns e expresións populares tamén sexa frecuente no mundo da publicidade, ao igual que o é “en campañas políticas”, segundo sinalou Funk, que puxo como exemplo como o proverbio portugués “entre marido e muller non metas a culler” foi recentemente empregado neste país, “para contradecilo”, nunha campaña institucional contra a violencia machista.

Refráns nos tempos da aldea global

Os refráns constitúen “un obxecto da linguaxe que forma parte da cultura dun pobo e algúns mesmo da cultura universal”, engadiu Funk, quen lembraba como investigacións previas teñen sinalado á existencia de preto de 90 proverbios cuxo uso se estende por toda Europa. “Os refráns resultan do coñecemento e da experiencia humana”, apuntaba nese senso a investigadora, quen incidía ao respecto na idea da “aldea global”, en como a rede contribúe a que “esteamos en contacto con persoas de todo o mundo”. E polo tanto, engadiu, “é natural que a través de internet moitos dos elementos que serven para os memes tamén acaben por ser virais, porque a través de internet coñecemos tanto o que pasa aquí como o que pasa na China en segundos”, de tal xeito que os refráns constitúen tamén en determinados casos exemplos “dunha cultura universal”.