A meteoroloxía segue a dificultar a circulación por algunhas estradas galegas

Por o 30/03/2018 | Sección: Eventos
A meteoroloxía segue a dificultar a circulación por algunhas estradas galegas

A neve e o xeo seguen a causar problemas na circulación por algúns puntos da rede viaria galega. Maioritariamente, trátase de estradas secundarias, que durante a tarde estanse a ver afectadas polas precipitacións en forma de neve caídas nas últimas horas.

A diferencia desta mañá, os problemas estanse a detectar na provincia de Ourense, como na OU-0604, en Parada de Sil; no Alto do Rodicio, en Maceda; na OU-536, en Montederramo; na OU-0703, en Chandrexa de Queixa; así como en Sarreaus, Os Blancos, no Alto das Motas en Lobeira, Manzaneda e Pobra de Trives.

Tamén o 112 Galicia recibiu chamadas de conductores que informaron dos problemas provocados pola neve nalgunha vías da provincia de Lugo. Así, o condutor de autobús de liña, con 24 pasaxeiros a bordo, avisou ao 112 de das dificultades para avanzar na estrada Lugo-Santiago, ao paso polo Alto do Picato.

Desde o CIAE 112 Galicia pediuse a colaboración da Garda Civil de Tráfico, que informou da presenza de máquinas quitaneves pola zona que restablecerían as condicións de seguridade na vía.

Ademais, varios vehículos tiveron problemas para avanzar pola A-54, en sentido Lugo, á altura do Monte de Meda. Segundo indicaron desde o servizo de limpeza e mantemento do Ministerio de Fomento, tamén as máquinas estaban traballando por esa zona.

Igualmente, o 112 Galicia rexistrou chamadas de usuarios que alertaban dos problemas para transitar pola LU-5601, en Samos; LU-530, en Baleira; no Alto do Montouto, en Guntín; na Fonsagrada, en Negueira de Muñiz e en Cervantes.

Corte na PO-11 en Pontevedra

Por outra banda, os servizos de limpeza e mantemento solicitaron a través do 112 Galicia, o corte da PO-11, entre Pontevedra e Marín, non pola neve, senón pola crecida da marea, que volveu a condicionar a circulación por esta vía a partir das catro da tarde.

O condutor dun turismo foi rescatado despois de saírse da vía e envorcar o vehículo que conducía en Dozón

Os bombeiros do Deza excarceraron ao condutor dun turismo que se saíu da vía e envorcou cando circulaba pola N-525, ao paso por Dozón.

Segundo os datos facilitados ao 112 Galicia, o sinistro produciuse pouco antes das dúas desta tarde na parroquia dozana de San Martiño.

Foi un particular quen contactou co 112 Galicia para pedir axuda, pois o condutor estaba atrapado no interior do vehículo. Así, os xestores do CIAE 112 pediron a colaboración dos bombeiros do Deza, que, finalmente, liberaron ao ferido.

Unha vez fóra do coche, foi atendido polos servizo sanitarios de urxencia e trasladado ao centro hospitalario de referencia.