A modificación da ordenanza fará posible que a concesionaria do Cunqueiro abone 900.000 euros de IBI

O goberno de Vigo aprobou este mércores no Pleno a modificación definitiva da ordenanza, sen o voto favorable de PP nin Marea. O edil de Facenda, Jaime Aneiros, explicou a empresa concesionaria declarou 3,5 millóns de beneficio en 2017 e recordou que están exentos do pago do IBI os centros de atención primaria de saúde, titularidade do Sergas, con persoal funcionario ou estatutario.
Publicado por o día 28/11/2018 na sección de Concello de Vigo,Galicia,Vigo

A modificación da ordenanza fará posible que a concesionaria do Cunqueiro abone 900.000 euros de IBI

Aneiros anotou que, en base a datos oficiais, o Imposto de Bens Inmobles que se abona en Vigo é o máis baixo das grandes cidades galegas, cun importe de 2,6 euros/metro cadrado polos 4,5 euros da Coruña e os 5,6 de Santiago. No caso dos locais comerciais, en Vigo se paga 3,5 euros/metro cadrado, cifra que ascende a 4,4 euros en Santiago e aos 6 euros na Coruña.

No tocante á modificación da ordenanza, esta non afecta aos centros de atención primaria, titularidade do SERGAS, con persoal funcionario ou estatutario, que seguirán exentos no pago do imposto. No caso da concesionaria do hospital Álvaro Cunqueiro, o concelleiro indicou que o dereito europeo prohibe dar axudas públicas a empresas e aseverou que a compañía –que inclúe o edificio entre os seus activos patrimoniais– declarou 3,5 millóns de euros de beneficio no ano 2017. Ademais, engadiu que esta empresa percibe de todos os galegos e galegas máis de 70 millóns de euros cada ano ata a finalización do período de concesión.

Debate

A Marea de Vigo abstívose na votación. O seu voceiro, Rubén Pérez, manifestou o respaldo do seu grupo a que a concesionaria do hospital abone este imposto, incluso acudindo á vía xudicial, mais se opuxo ao rexeitamento ás emendas presentadas por BNG e unha asociación veciñal. Pérez pediu volver aos tipos de IBI previos á crise e gravar os inmobles da igrexa non empregados para o culto.

O Partido Popular votou en contra dunha modificación cuxa “única finalidade” é “obrigar” ao pago do IBI nun hospital que o xulgado declarou de titularidade pública. A súa voceira, Elena Muñoz, manifestou que o Concello intenta “roubar un millón de euros” á sanidade pública.

O concelleiro de Facenda pechou o debate recordando que os “datos oficiais” revelan que Vigo ten o menor IBI das cidades galegas e tamén a menor presión fiscal, e acusou ao Partido Popular de querer “engordar o beneficio dunha sociedade privada” ao defender que esta non pague este imposto.

Execución orzamentaria 

O Pleno tamén tomou coñecemento do estado de execución do orzamento municipal deste ano correspondente ao terceiro trimestre. Aneiros revelou que, a día de hoxe, o goberno vigués ten autorizado 221 millóns de gasto e 182 millóns xa pagados, ademais de ter adxudicados 23,7 millóns de euros en investimento. Adiantou o concelleiro que, a final de ano, os investimentos executados ascenderán a 60 millóns de euros.

A oposición, pola súa banda, criticou a execución do orzamento. Pérez asegurou que faltan 60 millóns por executar a tres meses de finalizar o ano, entre estes partidas importantes de emprego ou igualdade. Muñoz censurou unha execución global do orzamento ao 47% e do 9% nos investimentos, mentres que a recadación ascende a 210 millóns.

O concelleiro de Facenda incidiu en que o gasto social está “practicamente executado” a falta do último trimestre do ano, así como o Plan de Emprego do Concello, case que ao 80%. Aneiros defendeu unha execución correcta do orzamento deste ano que posibilita atención ás vítimas de violencia de xénero, humanizacións, axudas ao comedor escolar, o centro de inclusión social ou o Servizo de Axuda no Fogar, entre outras.

Comentar noticia

Your email address will not be published.