A mostra “Achegas das mulleres á sustentabilidade do mar” inaugúrase o mércores en Poio

A exposición, promovida pola institución provincial e a Universidade de Vigo, poderá visitarse no Centro Cultural Xaime Illa de Raxó ata o 26 de outubro
Publicado por o día 17/10/2018 na sección de Deputación de Pontevedra

A mostra “Achegas das mulleres á sustentabilidade do mar” inaugúrase o mércores en Poio

A deputada provincial Montse Magallanes inaugurará este mércores 17 de outubro ás 19 horas a mostra “Achegas das mulleres á sustentabilidade do mar” no Centro Cultural Xaime Illa de Raxó do Concello de Poio. Esta iniciativa está promovida pola Deputación de Pontevedra en colaboración coa Universidade de Vigo para darlle visibilidade ao papel da muller no ámbito mariño. A exposición poderá visitarse ata o día 26 de outubro en horario de luns a venres, de 17 a 21 horas.

Achegas das mulleres á sustentabilidade do mar” poderá visitarse en Poio tras o seu paso pola Praza de Abastos de Mondariz, o Museo do Mar da Guarda, o Campus de Ourense, o Campus de Vigo e o de Pontevedra. De feito, foi neste último campus e da man da directora do proxecto, María Álvarez Lires, onde xurdiu a idea de impulsar unha exposición para darlle visibilidade ao papel da muller e á súa contribución na economía do mar, poñendo en valor o traballo que as mulleres desenvolveron ao longo dos séculos en relación co mundo marítimo.

A mostra está composta por vídeos, fotografías de redeiras, de mariscadoras, de vendedoras de peixe, de mulleres salgando ou conservando, científicas como a oceanógrafa Ángeles Alvariño ou a que fora directora do Instituto Español de Oceanografía, Aida Fernández. “Achegas das mulleres á sustentabilidade do mar” recolle tamén imaxes, moitas delas inéditas, que serven para recuperar nas aulas o ocultado saber das mulleres do mar e promover a igualdade e a acción positiva entre as e os futuros profesionais e científicos.