A Mostra do Posible pretende amosar que existen ferramentas para afrontar a grave crise ecosocial

Este encontro achegará a Cangas do Morrazo gran parte das entidades que permiten construír un mundo mellor.
Publicado por o día 07/09/2019 na sección de Cangas,Eventos,Galicia,Social

A Mostra do Posible pretende amosar que existen ferramentas para afrontar a grave crise ecosocial

Onte fíxose pública a imaxe da terceira edición da Mostra do Posible que terá lugar o sábado 5 e domingo 6 de outubro de 2019 na Alameda Nova.

Este ano o tema central será a grave crise ecoecosocial na que nos atopamos e as actividades da Mostra do Posible pretenderán visualizar as ferramentas que temos ao noso alcance para comezar a facerlle fronte.

A situación medioambiental é grave, ao redor dun millón de especies de prantas e animais están en perigo de extinción segundo a ONU (IPBES, Plataforma Intergubernamental de Biodiversidade e Servizos Ecosistémicos). Sobre todo é grave para nós, os humanos, que estamos poñendo en perigo a nosa propia superviviencia e o benestar das xeracións futuras.

Urxe comezar a facer algo pero neste camiño non estamos sós. Compartimos preocupación con moita xente que leva anos traballando para construír alternativas ecolóxica e socialmente responsables. Por isto, dende a Mostra do Posible animan a tódalas persoas a achegarse as súas actividades para coñecer ás entidades que nos permiten construír un mundo mellor.

A xuventude tomou a iniciativa, movementos como Fridays for Future e Rebelión ou Extinción son algunha das entidades que convocan a Folga Mundial polo Clima o próximo 27 de setembro que
aproveitamos para apoiar. Apoiamos tamén a declaración do estado de emerxencia climática en tódolos niveis administrativos.

Para afrontar a crise ecosocial é necesario modificar os nosos hábitos de consumo diarios, consolidar os servizos públicos e garantizar os dereitos sociais de xeito que non se amplíe a fractura social. Na Mostra do Posible 2019 estarán presentes entidades que traballan en todos estes ámbitos.

Nos dous últimos anos, a Mostra do Posible ven convocando a gran parte do tecido social galego na vila morracense. En torno a medio centenar de entidades pertencentes á economía social e
solidaria como aos movementos sociais galegos veñen atopándose neste espazo de encontro.

Á hora de presentar o cartel desta edición da Mostra do Posible, dende a organización quixeron agradecer o traballo de Cestola na Cachola. Unha entidade que elaborou o mural, situado na praza
de España en Vigo, que foi elixido como imaxe para esta edición e que é unha das cooperativas que ten participado na Mostra do Posible.

Comentar noticia

Your email address will not be published.