A mostra -GalizAmérica- chega á Guarda o 25 de outubro

Compila materiais que dan conta do florecemento da cultura galega en América e compleméntase coa proxección do filme ‘A cicatriz branca’ de Margarita Ledo e con conferencias sobre o exilio.
Publicado por o día 17/10/2018 na sección de A Guarda,Galicia

A mostra -GalizAmérica- chega á Guarda o 25 de outubro

É unha mostra itinerante que visitará os concellos de O Grove, Gondomar, A Guarda, Redondela e Poio.

A inauguración terá lugar o xoves día 25 de outubro ás 20:00h na Sala de Exposicións do Centro Cultural da Guarda e manterase ata o 10 de novembro.

A mostra, composta por 13 paneis, vai percorrendo diferentes fitos históricos do exilio e o espertar da conciencia galega a través dos intelectuais emigrados, fundamentalmente en cidades significativas como Bos Aires e Montevideo. Segundo explicou a comisaria Carmen Carreiro, está estruturada en tres grandes apartados. O primeiro relaciona o exilio coa súa causa inmediata, que é a represión. “Sempre se dixo que Galiza foi submisa co franquismo e iso non é certo, o exilio é unha consecuencia da represión e por tanto unha forma de loita” indicou a comisaria. A este apartado corresponden paneis que explican o por que do exilio como punto de partida da mostra, así como a travesía e a viaxe que implicaba, a través dos barcos e dos portos dos que partían, que xusto despois da guerra eran maioritariamente franceses, xa que as persoas exiliadas en moitas ocasións partían de campos de concentración do país veciño. O segundo apartado corresponde ao que Carmen Carreiro denominou “a xenerosidade de América” e céntrase no nacemento dos centros galegos máis importantes de América e a súa función como lugares de espertar e florecemento da conciencia galega. Sobre esta parte da exposición, a comisaria fixo unha reflexión relacionada cos tempos actuais indicando que “nun momento como o actual no que a sombra da xenofobia percorre Europa temos que ter presente a que nos podemos ver abocadas as persoas en situacións extremas, e é importante ter o corazón e a cabeza solidarios”. A terceira parte da mostra corresponde á relación do exilio interior co exilio exterior con especial incidencia “nos programas de radio, na publicación de manifestos e na edición de libros e revistas na diáspora e que serían impensables aquí”. Os paneis desta parte recollen fotografías de programas de radio, de xuntanzas e de portadas de libros impulsados pola alianza dos intelectuais exiliados, e procedentes de diferentes campos creativos, como foron Lugrís, Freire, Castelao, Seoane ou Colmeiro.

Como actividades complementarias, na Guarda terán lugar microconferencias a cargo de Mónica Rebolo e Phillip Duncan, que falarán sobre “Sempre en Galiza, a voz dos galegos no Río da Plata” e “Entre Vigo e Asunción: Avelino Rodríguez Elias no Exilio (1936-1958)”.

Tamén se proxectará o 9 de novembro ás 20:30h o filme ‘A cicatriz branca’ de Margarita Ledo. A propia Margarita Ledo explicaba que “é un filme de xénero, feminista pero que se grava integramente e por primeira vez na diáspora e en lingua galega”. O filme foi escollido precisamente para abordar a dimensión feminina e darlle voz ás mulleres da emigración. “Hai moito sobre a emigración contado en masculino pero moi poucas veces se lles dá voz ás mulleres, que en moitos casos emigraron soas, e que sufriron acoso sexual ou tiñan que emigrar vítimas de estigmas sociais como ser filla dun cura” asegurou Margarita Ledo. A cineasta tamén será a encargada da conferencia que complementará a mostra ao seu paso por Poio e que leva por título ‘Recuperar a fala, recuperar a alma” e na que utilizará como fío condutor o seu documentario ‘Apuntamentos para un filme’. Este documentario nacera como un traballo previo e de documentación para a posterior realización de ‘A cicatriz branca’ e recolle as conversas coas mulleres da diáspora que compartiron a súa experiencia coa cineasta e que a quixeron relatar para deixar constancia.

A Guarda. Sala de exposicións do Centro Cultural. Do 25 de outubro ao 10 de novembro

Xoves 25 de outubro. Inauguración de microconferencias:

  • Mónica Rebolo : “Sempre en Galiza, a voz dos galegos no Río da Plata”
  • Phillip Duncan:  “Entre Vigo e Asunción: Avelino Rodríguez Elias no Exilio (1936-1958”)

Venres 9 de novembro: proxección do filme ‘A cicatriz branca’ ás 20:30h no Centro Cultural