A mostra ‘Recreando Persoanaxes’ propón na biblioteca de Galicia un percorrido histórico e literario a partir do cinema e a traves da televisión

O conselleiro de Cultura e Turismo presidiu a súa apertura neste edificio da Cidade da Cultura de Galicia, en Santiago, onde poderá verse ata o 28 de maio
Por o 28/03/2019 | Sección: Cultura
A mostra ‘Recreando Persoanaxes’ propón na biblioteca de Galicia un percorrido histórico e literario a partir do cinema e a traves da televisión
Compartir en:

Historia, literatura e audiovisual conflúen na exposición Recreando personaxes, que pode verse desde hoxe e ata o 28 de maio no edificio da Biblioteca e Arquivo de Galicia, na Cidade da Cultura en Santiago de Compostela. O conselleiro de Cultura e Turismo, Román Rodríguez, presidiu hoxe a apertura desta mostra divulgativa, da que destacou a súa orixinalidade á hora de lle achegar ao público tanto a historia do noso audiovisual como o papel deste na difusión de relevantes feitos históricos e obras literarias.

Recreando personaxes faino a través da pegada que as actrices e actores galegos deixaron no noso imaxinario poñéndose na pel de relevantes figuras históricas e literarias e, con tal fin, reúne –entre outros materiais– 152 fotogramas protagonizados por 48 actores, 31 actrices e 8 personaxes de animación en 71 títulos para cinema e televisión, entre os que se recollen 46 producións galegas.

A directora de arte Marta Villar é a comisaria desta exposición, organizada pola Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic) coa colaboración da Fundación Cidade da Cultura de Galicia, o Centro Galego de Artes da Imaxe-Filmoteca de Galicia (CGAI), a Academia Galega do Audiovisual, CRTVG, RTVE e Fundación Aisge.

Talento e industria

Como explicou o conselleiro, os vinte paneis que a compoñen ofrecen tamén un percorrido polo audiovisual galego desde os anos trinta do século pasado ata os nosos días, dando conta tanto do enorme talento das nosas actrices e actores, como do desenvolvemento dunha industria audiovisual “cada vez máis estruturada, formada e competitiva”.

Baixo o nome completo de Actrices, actores e animados galegos RECREANDO PERSONAXES da literatura e da historia no audiovisual, a mostra articúlase en catro seccións. A primeira delas pon o foco nos traballos interpretativos, comezando por dous grandes nomes do cinema internacional nacidos en Galicia: María Casares e Fernando Rey que, entre outros, lle deron vida á duquesa Gina de Sanseverine de A Cartuxa de Parma ou a Don Quijote.

Román Rodríguez referiuse, así mesmo, a outros coñecidos actores e actrices de Galicia ao afirmar que “tanto na escena como no audiovisual galego, contamos cun amplo e variado abano de profesionais de contrastada solvencia”. Entre moitos outros, reúnense nesta exposición fotogramas de Luis Tosar, María Vázquez, Antonio Durán “Morris”, Celso Bugallo, Luis Zahera, Ernesto Chao, Mabel Rivera, Cesar Cambeiro, Uxía Blanco, Manuel Manquiña, Tamar Novas ou Rosa Álvarez nalgúns dos seus papeis máis famosos, pero tamén noutros traballos cinematográficos non tan coñecidos polo gran público.

A literatura ocupa a segunda das seccións, centrándose fundamentalmente en adaptacións cinematográficas de grandes autores galegos como Castelao, Álvaro Cunqueiro, Wenceslao Fernández Flórez, Ánxel Fole, Avilés de Taramancos, Manuel Murguía, Roberto Vidal Bolaño e Eduardo Blanco Amor.

Pola súa banda, a construción e expansión do Camiño de Santiago protagoniza o arranque do apartado que Recreando personaxes lle dedica de xeito específico á historia, con títulos como O final do Camiño, Camiño de Santiago: A orixe ou o filme de animación O Apóstolo. Nas vitrinas e paneis desta sección, tamén hai lugar para dous traballos televisivos ambientados na Galicia de finais do XVIII (Hospital Real) e na posguerra e ditadura franquista (Os fillos do sol), así como para unha ollada social cara ao noso pasado máis recente co filme Heroína e a serie Fariña.

A achega feminina

A achega feminina a este percorrido conta coa súa propia sección, vertebrada en torno a catro grandes figuras da cultura e a historia de Galicia que recentemente foron inmortalizadas polo noso audiovisual en catro producións de Zenit TV: Contou Rosalía, Juana de Vega, a condesa do arado; Concepción Arenal, visitadora de cárceres e Emilia Pardo Bazán, a condesa rebelde. Trátase nos catro casos de recreacións en clave biográfica, pero tamén reivindicativas do seu papel proactivo e adiantado ao seu tempo, nun contexto social que relegaba á muller a un papel secundario.

A vertente fotográfica desta exposición complétase con outra serie de materiais que apoian o percorrido, como textos explicativos, edicións especiais dos libros levados á pantalla, elementos identificativos dos personaxes ou debuxos, entre outros. Ademais, a través da aplicación móbil Roar Augmented Reality, a mostra ofrece a posibilidade de ampliar información sobre os filmes e fotografías que se atopan identificados co símbolo correspondente.

Recreando personaxes poderá verse ata o 28 de maio nos horarios habituais da Biblioteca de Galicia, que abre ao público todos os días de 8,30 a 21,00 h

Comentar noticia

Your email address will not be published.