A música clásica, en clave feminina

Os concertos da formación sinfónica estarán acompañado dunha programación estendida de relatorios
Publicado por o día 02/04/2018 na sección de Cultura,Universidade de Vigo

A música clásica, en clave feminina

A Orquesta Clásica de Vigo, a máis antiga de Galicia, está formada maioritariamente por mulleres, tanto estudantes como docentes de Vigo e da súa contorna. Por iso, a súa programación para este 2018 aposta firmemente pola reivindicación do papel da muller ao longo da historia da música culta. Dentro do ciclo Outra voces, que ten como obxectivo ofrecer unha lectura diferente sobre a música clásica, porase o foco sobre a figura e o traballo silenciado das mulleres neste xénero, en concreto na acción das compositoras e intérpretes da música sinfónica. Así, nos meses de abril e maio están programados dous concertos, que irán acompañados por cadansúa conferencia, contando neste último caso coa colaboración da Unidade de Igualdade da Universidade de Vigo. En concreto, o concerto En feminino, que terá lugar o 11 deste mes de abril no Auditorio Municipal, estará precedido por un relatorio, este mércores 4, no Instituto Camões, sobre as figuras femininas na música do século XX. Xa no mes de maio, e como complemento da programación das Letras Galegas, terá lugar un segundo relatorio sobre a muller na música sinfónica dos séculos XVII e XVIII.

En Feminino, con Grażyna Bacewicz

O primeiro dos eventos é En Feminino, que será o segundo concerto da temporada para a Orquesta Clásica de Vigo, terá lugar o día 11 deste mes. Neste acaso apostouse por poñer en valor á compositora e violinista polaca Grażyna Bacewicz, que realizou o groso da súa obra nos anos trinta do século XX. Como explican dende a formación musical, Grażyna Bacewicz é unha das figuras máis importantes do seu tempo e a artista polaca máis destacada do século XX. Non obstante, “para a nosa sorpresa e reflexión, é unha artista descoñecida” e, por este motivo, “queremos dedicarlle este monográfico para difundir as súas obras, pois son obras realmente impresionantes e non está xustificado o seu descoñecemento”. Para a ocasión, a orquestra interpretará a súa obertura, o concerto para cordas e o concerto para violín No. 3, interpretado pola solista Raquel Carrera, co director italiano Alessandro Arnoldo como convidado.

Coa colaboración da Unidade de Igualdade, unha semana antes do concerto, este mércores 4 ás 20.00 horas no Instituto Camões, terá lugar a conferencia A figura feminina na historia da música do século XX, impartida por Luz Estévez, estudante de musicoloxía do Conservatorio Superior de Música de Vigo e Raquel Carrera, violín solista que interpretará o concerto para violín n.3. Con esta charla, a orquestra e a Unidade de Igualdade tratan de poñer en valor tanto o aspecto histórico-artístico como o técnico-musical co fin de entender a dimensión e calidade da obra de G. Bacewicz. Así, abordase o papel da muller nas artes nos séculos XIX e XX e a figura feminina na historia da música centrada no período do século XX en Europa, e exporanse exemplos de mulleres relevantes no eido musical en diferentes países, como Francia, Polonia, España e Portugal.

A muller na música sinfónica nos séculos XVII e XVIII

No mes de maio, a muller seguirá a ser a protagonista na programación da orquestra. O 17 de maio terá lugar o concerto das Letras Galegas no Auditorio Municipal, unha proposta que integra a música clásica con textos de poetisas galegas, coa interpretación de obras da compositora clasicista Marianna von Martinez, de Mariana Martínez, artista vienesa de orixe español que fora discípula de J. Haydn ou da coa compositora francesa do século XIX Cécile Chaminade. Este concerto integrará a música clásica co recitado dunha selección de textos de poetas galegas e pasaxes da obra de María Victoria Moreno, grazas á participación de Silvia Penas, que porá o contrapunto máis actual a esta proposta.

Nas semanas previas, a Unidade de Igualdade volverá colaborar con esta iniciativa coa programación dun relatorio titulado A muller na música sinfónica nos séculos XVII e XVIII, que terá lugar o 3 de maio no Instituto Camões. Nesta charla, impartida pola musicóloga Goele Deckers, farase un percorrido pola Europa do momento na música sinfónica e abordará o papel das compositoras neste período. Contarase coa participación de Lucía Lugrís, frautista e Silvia Penas, poetisa.