A música e os productos galegos están presentes por primeira vez nunha das principais citas gastronómicas de Catalunya

Galicia é a convidada na presente edición da Feira do Embutido de Olot (Xirona) a través do Centro Galego de Barcelona, grazas ás xestións feitas polo presidente da entidade, Carlos Mandianes.
Publicado por o día 18/03/2019 na sección de Eventos

A música e os productos galegos están presentes por primeira vez nunha das principais citas gastronómicas de Catalunya

A música dos grupos folclóricos do Centro Galego de Barcelona están a amenizar esta fin de semana a Feira do Embutido de Olot (Xirona), unha das principais citas gastronómicas de Cataluña, na que este ano están presentes tamén produtos tan emblemáticos de Galicia como o chourizo ou o queixo Tetilla. Galicia é a convidada na presente edición desta popular feira, que se está a celebrar
esta fin de semana, grazas ás xestións feitas coa organización polo presidente da entidade, Carlos Mandianes, quen contactou, así mesmo, con produtores galegos para materializar a exposición e degustación de produtos.

A iniciativa responde ao obxectivo do Centro Galego de Barcelona de difundir en Catalunya os valores culturais de Galicia, entre eles a música e a gastronomía. O Centro aproveitou a cita para promover o Camiño de Santiago, do que o Parlamento de Catalunya aprobou recentemente reforzar os seus treitos cataláns grazas a unha proposta impulsada polo propio Centro Galego.

A difusión dos atractivos culturais e turísticos de Galicia por parte do Centro cobra especial intensidade de cara á celebración do Xacobeo 2021, polo que a entidade xestiona a súa presenza en foros e eventos relevantes. As actuacións dos grupos de folclore galego tiveron lugar onte, sábado, ás 12,30 e 17,45 horas, e volven hoxe ás 11,30 e 17,30 horas.