A música tradicional resoa no campus na véspera do Días das Letras Galegas

Publicado por o día 16/05/2019 na sección de Galicia,Universidade de Vigo,Vigo

A música tradicional resoa no campus na véspera do Días das Letras Galegas

Pezas da música tradicional galega como a Foliada de Campelo e A Laranxiña convertéronse este mediodía na banda sonora do campus de Vigo. Na véspera da celebración do Día das Letras Galegas, os grupos Son das Lagoas e Os Ferraias da ETEA interpretaron, primeiro de xeito individual e logo de forma conxunta, varias pezas do seu repertorio nas inmediacións da Área Comercial, nunha iniciativa da Área de Extensión Universitaria, denominada Alborada das Letras.

Xurdido do Obradoiro de música tradicional, que desde hai anos se desenvolve no campus de Vigo, Son das Lagoas cumpre este 2019 tres anos de existencia, que arroxan un balance “moi bo, mágoa que non se anime máis a xente, porque aínda que vocacións non faltan, é difícil cadrar horarios”, explica José Luis Vidal, gaiteiro da formación, integrada por alumnado, PAS e PDI da Universidade, pero que tamén conta con colaboradores externos. Pola súa banda, Mónica Méndez, pandereteira de Os Ferraias da ETEA, lembra que a orixe da formación está nun grupo de nais e pais da AMPA do CEIP Frián de Teis de Vigo, algúns deles traballadores da Universidade de Vigo “que nos animamos a participar no programa Ensaiamos para poder dispor dun local de ensaio”.

Un expoñente da cultura galega

Na véspera da celebración do Día das Letras Galegas, as e os integrantes de ambos os dous grupos aproveitaron para reivindicar o seu papel como representantes da cultura do país. “O Día das Letras supón todo. Cómpre reivindicar a lingua galega como ferramenta de expresión e uso e darlle a importancia que realmente ten”, asegura Mónica Méndez, mentres que José Luis Vidal demanda a presenza do folclore o 17 de maio porque “a música tradicional ten que estar presente. Nós somos un expoñente máis da cultura e aí estamos”, asegura.