A nova aceleradora Connect-19 impulsará 20 proxectos de pemes innovadoras con solucións fronte á covid-19

O conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde, participou hoxe en Santiago de Compostela por videoconferencia na presentación da nova incubadora que facilitará ás empresas o seu acceso a maiores mercados
Publicado por o día 30/07/2020 na sección de Economía,Xunta de Galicia

A nova aceleradora Connect-19 impulsará 20 proxectos de pemes innovadoras con solucións fronte á covid-19

O conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde, destacou hoxe que a nova aceleradora Connect-19, que a Xunta impulsa con 600.000 euros, permitirá consolidar 20 proxectos de pemes centrados no desenvolvemento de solucións innovadoras fronte á covid-19. Conde, na súa intervención en Santiago de Compostela, na videoconferencia na que se presentaron os proxectos, indicou que potenciar a innovación é a única solución posible no novo contexto socioeconómico, xa que -engadiu- que só a través da innovación, Galicia poderá reactivar a súa economía e saír reforzada desta situación.

Para Conde, a nova incubadora confirma que Galicia cre nos seus axentes innovadores para liderar a recuperación económica e o fortalecemento sanitario. Así, puxo en valor os 20 proxectos seleccionados, todos eles son pemes innovadoras que poderán acceder a maiores mercados a través desta iniciativa. O que se busca con Connect-19, que se desenvolve en colaboración coa Sociedade Parque Tecnolóxico de Galicia (PTG), é que estes 20 plans poidan consolidarse, reforzarse, medrar e mellorar ao longo dos próximos cinco meses.

As 20 iniciativas seleccionadas contribuirán a ampliar o espectro da loita contra a covid-19 a través de proxectos centrados no traballo de máscaras infantís biodegradables feitas con fibras vexetais; en puntos de control de acceso e de temperatura; sistemas de vixilancia de aforo en espazos públicos a través de drons; un kit sensorial para a detección precoz da covid-19; o desenvolvemento de ingredientes cosméticos con capacidade antiviral para incorporalos a distintos produtos; a posta en marcha dunha aplicación para a xestión de dietas en hospitais e outro tipo de centros incluíndo un proceso de dixitalización para pacientes covid; ou o desenvolvemento de ferramentas orientadas ao teletraballo, entre outros.

O titular de Economía apuntou que o obxectivo principal é ofrecer unha oportunidade comercial para consolidar estas iniciativas fortalecendo o seu posicionamento innovador, favorecendo os investimentos públicos e privados e impulsado o seu acceso a máis e maiores mercados internacionais. O fomento da cultura innovadora entre o tecido empresarial é, segundo o conselleiro, garante de crecemento, fortalecemento e compromiso social.

Conde, por último, referiuse ao apoio da Xunta á dixitalización a través do Plan de reactivación económica con axudas que contan cun orzamento de 16 millóns de euros para impulsar ferramentas innovadoras e contribuír á proxección internacional e ao fortalecemento do modelo da Industria 4.0, así como favorecer a práctica do teletraballo, reforzando, así mesmo, o emprendemento e a fixación de poboación no rural.

Comentar noticia

Your email address will not be published.