O presidente do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, informou hoxe de que o Consello da Xunta avaliou a nova Axenda de Emprego 2021 “para facer fronte ás necesidades e ao impacto no paro que está tendo a recesión económica que se está iniciando”.
Nesa liña, a nova Axenda de Emprego 2021 contará cun orzamento de 196,7 millóns de euros e prevé mobilizar máis de 225 millóns de euros a través de 30 medidas que beneficiarán máis de 65.000 galegos e galegas. Máis polo miúdo, o presidente da Xunta detallou que esta nova iniciativa engloba cinco eixes de actuación.
O primeiro eixe está centrado na transición cara o novo contexto laboral con iniciativas como incentivos á contratación ou axudas complementarias a persoas incluídas en ERTE por causas económicas e ás persoas maiores de 55 anos que perderon o seu emprego como consecuencia da crise da covid.
En canto ao segundo eixe, cun orzamento de 2,3 millóns de euros, busca a recuperación da confianza e da seguridade laboral a través da formación ás empresas e de guías e asesoramento en seguridade e saúde laboral.
O terceiro eixe dá prioridade á formación para o emprego. Contará con 112 millóns de euros para actuacións como o campus de emprego para realizar obradoiros vencellados a contratos laborais e programas de inserción laboral; un plan de recualificación de parados de longa duración para maiores de 45 anos; a especialización dos centros de formación da Xunta ou o fomento de aulas virtuais e competencias dixitais. Este eixe inclúe tamén a creación de Unidades Formativas á carta para sectores estratéxicos como a automoción, o naval e o forestal.
No que respecta ao cuarto eixe, ten como obxectivo o impulso ao emprego autónomo, o que servirá para complementar os 16 millóns de euros xa recollidos no Plan de reactivación económica para axudas directas para financiar os gastos que tiveron durante a pandemia como o envío de produtos ao domicilio dos consumidores ou gastos en seguridade, subministracións e telecomunicacións.
Por último, o quinto eixe terá como finalidade modernizar as oficinas de emprego tanto no que respecta aos orientadores laborais como para melloras tecnolóxicas.
Calendario laboral 2021
Tamén no eido laboral, o Consello da Xunta analizou hoxe a proposta de días festivos para o próximo ano 2021. O titular do Goberno galego avanzou que o vindeiro ano “Galicia terá como festivos propios o día das Letras, 17 de maio, e o día de San Xosé, 19 de marzo”.
Noticias de última hora en Vigo. Te contamos todo lo que sucede en nuestra ciudad. Desde los sucesos más relevantes hasta artículos de opinión y de interés.