A nova deputada autonómica mosense preséntase oficialmente ante o goberno local

Alcaldesa e concelleiros aproveitaron para tratar con Feli Rodríguez asuntos municipais que dependen da Xunta e solicitáronlle a súa intermediación
Publicado por o día 30/12/2020 na sección de Galicia,Mos

A nova deputada autonómica mosense preséntase oficialmente ante o goberno local

A alcaldesa de Mos, Nidia Arévalo, xunto co tenente alcalde, Camilo Augusto, e demais membros do equipo de goberno local (os/as concelleiros/as Alberto Méndez, Sara Cebreiro, Baldomero Lorenzo e Gonzalo Alonso), recibiron hoxe oficialmente no salón de sesións do Concello á primeira muller mosense (e da comarca da Louriña) da historia que é deputada no Parlamento de Galicia, Feli Rodríguez; que esta mañá recibiu a insignia co escudo do Concello de Mos de mans da rexedora local, por quen lle foi imposta.

Rodríguez pasou a ser deputada autonómica o pasado 14 de decembro, tras os nombramentos de José Manuel Cores Tourís e Jesús Vázquez Almuíña como novos presidentes do Porto de Vilagarcía e da Autoridade Portuaria de Vigo, respectivamente. E o 21 de decembro xurou o seu cargo ao comezo do Pleno do Parlamento de Galicia.

Na xuntanza desta mañá na Casa Consistorial mosense, o goberno local aproveitou para facer un repaso coa deputada autonómica dos asuntos municipais pendentes coa Xunta de Galicia e trasladáronlle un resumo dos mesmos para que poida intermediar na súa xestión e resolución. Entre eles atópase un de gran relevancia como é a liberalización do tramo Puxeiros-O Porriño da AP-9, de xeito que sexa gratuíto e desvíe tráfico da tan perigosa A-55.

Feli Rodríguez Carrera, veciña da parroquia de Tameiga, é considerada pola alcaldesa, Nidia Arévalo, como “a mellor defensora de Tameiga e de Mos no Parlamento e a súa presenza é unha aposta total e absoluta pola muller e a igualdade de xénero”.

Feli Rodríguez é a primeira muller deputada autonómica da comarca da Louriña no Parlamento de Galicia, só precedida por outro representante mosense, neste caso varón, o ex alcalde Justo José González Ballesta.

Quen é Feli Rodríguez Carrera

María Felisa Rodríguez Carrera. 23/Xaneiro/1964 (56 anos). É Administrativo e iniciou estudos de Dereito na UNED. Profesionalmente leva desenvolvendo actividades administrativas máis de 30 anos, tanto por conta propia como allea. A súa gran empatía resulta fundamental á hora de desenvolver traballos en equipo e enfrontarse á resolución de problemas, ámbitos nos que destaca, así como o seu afán de traballo e perseveranza.

Comentar noticia

Your email address will not be published.