A nova vía que unirá a estrada vella e a avenida de Marín en Mollabao roldará o millón de euros

O orzamento previsto increméntase pola necesidade de construír columnas de grava para dar estabilidade ao terreo
Publicado por o día 10/02/2020 na sección de Deputación de Pontevedra,Galicia,Marín

A nova vía que unirá a estrada vella e a avenida de Marín en Mollabao roldará o millón de euros

A nova vía que conectará a estrada vella e a autovía de Marín en Mollabao terá un custe aproximado dun millón de euros (932.200, 03€). Así se desglosa no proxecto realizado pola consultora ‘AinActive’ contratada pola Deputación para o deseño do vial, que indica a necesidade de construír varias columnas de grava para dar estabilidade ao terreo que incrementarán en máis de 300.000 euros o investimento necesario fronte ás estimacións iniciais.

Segundo explica o persoal técnico da Deputación, o estudo xeotécnico detectou a necesidade de dar máis solidez á base da estrada, unha zona marítimo terrestre recheada con cantullos, co fin de evitar afundimentos no futuro unha vez o tránsito rodado sexa continuo. Así, na parcela ‘inxectaranse’ varias columnas de grava dun diámetro de 0,90 metros e ata tres metros de profundidade para consolidar o terreo.

Ademáis deste incremento no custe das obras (arredor duns 300.000 euros) pola falta de estabilidade, o orzamento tamén subirá pola necesidade de soterrar unha liña de media tensión que pasa pola zona máis cercana á autovía. A liña eléctrica deberá baixarse ao chegar a unha glorieta de nova creación, pasará por canalizacións, e volverá a ser aérea unha vez salvada a rotonda.

O proxecto definitivo para a estrada contempla que estará disposta entre dúas glorietas, unha na avenida de Marín e outra na estrada vella. A lonxitude da vía -entre os centros das rotondas- será finalmente duns 97 metros e o seu ancho será de 15 metros, divididos nunha sección de dous carrís de catro metros, dúas beiravías dun metro, e dúas sendas de 2,5 metros.

A glorieta máis cercana á ría terá un radio exterior de 16 metros, contando o parterre interior de arredor de 13 metros de diámetro, un empedrado de metro e medio,  dous carrís de 3,5 metros cada un, e de dúas beiravías de 0,50. A glorieta interior será máis pequena, únicamente chegando aos 13 metros de radio, e coa mesma disposición de carrís e beiravías.

Renovaranse todos os servizos, instalarase nova iluminación (desprazando algúns dos puntos actuais, conectando 10 novas luminarias e 8 reforzos lumínicos nos pasos de peóns), ademais de plantar vexetación nos espazos verdes das rotondas e tamén algunhas árbores de maior porte.

En canto ao calmado do tráfico, construiranse dous pasos de peóns sobreelevados (PPS) na rúa Rosalía de Castro, antes e despois da glorieta de acceso; outro PPS no medio da estrada de nova construción; e outro antes da glorieta da avenida de Marín.

O proxecto xa redactado, e xa incorporadas as especificacións apuntadas por Costas nas dilixencias previas, será enviado como separata de maneira inminente para pasar a información ambiental na Xunta de Galicia. Unha vez remate ese trámite o expediente deberá volver ás mans do departamento de Costas para o visto bo definitivo á concesión.

Dado que o proxecto da nova estrada recolle de inicio todas as aclaracións, medicións e indicacións apuntadas dende o departamento estatal de Costas de maneira escrupulosa, o persoal técnico da Deputación considera que non debería haber complicacións na tramitación administrativa. Advirten, sen embargo, de que será un proceso no que aínda se precisarán máis informes sectoriais de diferentes institucións.

Hai que lembrar que ademais da apertura da estrada deseñada pola Deputación o barrio de Mollabao cambiará a súa fisonomía con outro proxecto de recuperación do espazo público: o redactado polo Concello para o treito da rúa Rosalía de Castro.