A obra de teatro Fillos do Sol, dirixida por Cándido Pazó, chega ao auditorio Manuel Dopazo o vindeiro 29 de setembro

César Cambeiro, Adrián Rios e Alba Bermúdez protagonizan esta elucubración teatral sobre a figura de Eduardo Pondal que recala no municipio silledense a través do programa Cultura no Camiño
Publicado por o día 05/09/2018 na sección de Galicia

A obra de teatro Fillos do Sol, dirixida por Cándido Pazó, chega ao auditorio Manuel Dopazo o vindeiro 29 de setembro

O teatro volve a ser protagonista da axenda cultura en Silleda este mes coa representación de Fillos do Sol, peza coproducida pola compañía Contraproducións Teatro e o Festival Internacional Outono de Teatro (FIOT) de Carballo.

A obra, escrita e dirixida por Cándido Pazó, foi finalista dos premios María Casares de Teatro. Chegará ao auditorio Manuel Dopazo da Bandeira o vindeiro sábado 29 de setembro ás 21:00 horas.

Esta elucubración teatral sobre a figura de Eduardo Pondal nos seus últimos anos de vida narra a obsesión do autor co poema épico As Eoas, que ocupou toda a súa traxectoria como escritor.

A medio camiño entre a realidade ficcionada e a fabulación dramática, César Cambeiro da vida a don Eduardo Pondal, nesta aclamada producción na que tamén participan os actores Adrián Ríos ( no papel do autor na súa mocidade) e Alba Bermúdez, que interpreta a Rosa, a xove criada da pensión da Coruña na que o bardo pasou os seus últimos anos.

Esta proposta teatral entrelaza dúas tramas, combinando momentos de reflexión, de diversión e comicidade, emoción e tamén reivindicación, tenrura e controversia.

Temas como a tenrura das relacións humanas, a reflexión sobre a historia e a creación literaria, ou a definición da identidade colectiva figuran nesta aposta teatral no 100 aniversario da morte de Edudardo Pondal, unha das figuras clave do Rexurdimento galego xunto con Rosalía de Castro e Curros Enríquez.

Dende a Concellería de Cultura Ana Luisa González convida aos veciños e veciñas a “disfrutar desta proposta teatral de primeiro nivel que de seguro agradará ao público”, engade.