A oferta formativa da Área de Normalización Lingüística será este cuadrimestre 100% virtual

A programación inclúe propostas de interese tanto para o alumnado como para o PDI e o PAS
Publicado por o día 11/09/2020 na sección de Galicia,Universidade de Vigo,Vigo

100% virtuais. Así son os cursos de formación en lingua galega do primeiro cuadrimestre do curso 2020/2021 organizados pola Área de Normalización Lingüística, unha oferta formativa que se compón este ano de seis cursos en liña totalmente gratuítos, que se van desenvolver ao longo dos meses de outubro, novembro e decembro e nos que se inclúen propostas de interese tanto para o alumnado como para o persoal docente e investigador e o de administración e servizos. A matrícula, totalmente de balde, manterase aberta ata o vindeiro día 25.

“Como cada ano, desde a Área de Normalización Lingüística, a Universidade de Vigo asume o seu compromiso co aumento do coñecemento e o uso do galego en toda a comunidade universitaria”, subliña o profesor Fernando Ramallo, director da ANL. Unha parte relevante das actuacións nesa liña está directamente relacionada coa oferta formativa organizada arredor dos diversos cursos ofertados ano a ano –o curso pasado organizáronse oito cursos nos que participaron máis de cen persoas-. “Consideramos que se trata dunha oferta non só necesaria senón imprescindible en tempos nos que o idioma galego non pasa por momentos de expansión senón, contrariamente, de deterioración e manifesta perda de vitalidade”, recalca Ramallo.

Cada ano desde a ANL tratan de ofertar os cursos que consideran máis atraentes e, asemade, necesarios para cumprir os obxectivos da Universidade respecto da aprendizaxe e a mellora do uso correcto da lingua galega, nomeadamente nas modalidades de escritura mais tamén na oralidade. “Pola súa extraordinaria demanda, algúns repítense convocatoria a convocatoria. Outros son menos frecuentes, coma por exemplo o de Ferramentas informáticas para a mellora da redacción que ofertamos este curso 2020/2021”, explica Ramallo, ao que engade que a ANL leva uns meses traballando nunha plataforma de formación en liña específica en estreita colaboración co Servizo de Teledoncencia. “O obxectivo é ter un abano de cursos dispoñibles, dos que os contidos estanse a elaborar con ferramentas específicas de ensino-aprendizaxe virtual”, engade o director da área.

O curso de Extensión Cultural, sen as tradicionais excursións

O curso de maior duración -75 horas- é o de Extensión Cultural, unha actividade dirixida a estudantes de programas de intercambio. O obxectivo desta actividade é que o alumnado internacional poida regresar aos seus lugares de orixe cunha idea básica da lingua galega, así como da etnografía e arquitectura características de Galicia, da súa historia e gastronomía, da música e da literatura propias… Se ben este curso adoitaba ir acompañado de numerosas excursións por puntos clave da xeografía galega, as actuais circunstancias sanitarias imposibilitan a realización deste tipo de actividades de xeito seguro, polo que nesta ocasión non se van levar a cabo.

Clases telepresenciais na maioría dos cursos

A oferta de cursos virtuais inclúe un Curso de redacción de documentos administrativos (40 horas); outro sobre  Escribir en internet (30 horas), e unha terceira proposta centrada en Redacción e estilo, de 40 horas. No primeiro caso, o Curso de redacción de documentos administrativos, centrarase en facer un repaso e unha actualización práctica da ortografía da lingua galega e en proporcionarlle ao alumnado unha guía rápida de redacción administrativa en lingua galega. O segundo, Escribir en internet, busca sobre todo dar toda unha serie de pautas sobre como escribir documentos destinados a ser lidos en pantalla e, o terceiro, sobre Redacción e estilo, reflexionar sobre as variables que inflúen na lexibilidade dun texto e saber diferenciar rexistros para axustar os niveis de expresión a cada situación comunicativa, así como fixar as cuestións que se deben ter en conta á hora de redactar e revisar o que se escribe.

Xa dunha menor duración (20 horas), ofértanse outros dous cursos: Como redactar e expoñer o teu TFG ou TFM e Ferramentas informáticas para a mellora da redacción, ambos virtuais pero con clases telepresenciais. O primeiro está especialmente pensando para o alumnado e vai dirixido a ensinarlles a redactar con corrección os traballos académicos e a saber expresar as ideas para expoñer os resultados dun TFG ou TFM. O segundo centrarase en dar a coñecer as ferramentas TIC adecuadas para redactar textos de maior calidade estética e lingüística; en aprender a manexar esas ferramentas informáticas correctamente e en que as persoas participantes aprendan a descubrir os diferentes recursos lingüísticos disponibles en liña para empregar unha lingua de calidade.