A Oficina de turismo Ribadumia recolle un incremento de viaxeiros internacionais

Publicado por o día 03/10/2018 na sección de Galicia,Ribadumia

A Oficina de turismo Ribadumia recolle un incremento de viaxeiros internacionais

O Concello de Ribadumia informa de que as visitas á Oficina de Turismo Municipal aumentaron durante o mes de setembro respecto a anos anteriores, destacando o crecemento no turismo internacional.

Segundo a información facilitada pola Oficina de Turismo de Ribadumia, o mes de setembro foi positivo en canto a turismo, mostrando un incremento de turistas internacionais ata acadar o 36 % do total de visitas. Dito crecemento vai ó par do incremento de peregrinos, sendo este un dos recursos demandados tanto por estranxeiros como por outros visitantes de procedencia nacional.

En conxunto, esta información traslada unha tendencia que mostra o crecente interese dos turistas por coñecer de preto o municipio e a comarca, e que ven a avalar a labor de promoción que tanto o Concello como a Mancomunidade do Salnés levan a cabo.

No tocante á súa procedencia, os datos mostran como, novamente, a maioría das visitas (o 64% do total) chegaron do ámbito nacional. En canto ao turismo internacional, pasa de supor un aprox. 8% en agosto a supoñer un 36% en setembro. E é que de novo, a maioría de persoas que se achegan pola Oficina de Turismo son peregrinos que realizan o camiño pola súa variante espiritual.

En canto á información máis demandada polos turistas, a Ruta da Pedra e a Auga continúa a ser o primeiro reclamo entre os que desexan coñecer a comarca, xunto coa variante espiritual do Camiño Portugués, que transcorre durante varios quilómetros polo mesmo itinerario. Adegas, restaurantes, festas tradicionais, etc. espertan o interese dos visitantes e sitúan Ribadumia como un gran destino turístico.

A Oficina de Turismo estará aberta ó público ata o próximo día 14 de outubro.