A oitava Semana de Recollida de RAEEs permite reunir máis de 150 aparellos

Trátase dunha iniciativa inserida no proxecto Green Campus
Publicado por o día 31/10/2018 na sección de Galicia,Pontevedra,Universidade de Vigo

A oitava Semana de Recollida de RAEEs permite reunir máis de 150 aparellos

Once ordenadores de sobremesa e portátiles, dez teléfonos móbiles, 13 impresoras, dous televisores, numerosos compoñentes informáticos… A oitava edición da Semana de Recollida de RAEEs (Residuos de Aparellos Eléctricos e Electrónicos) permitiu reunir un total de 152 aparellos, electrodomésticos e compoñentes informáticos nos puntos de recollida emprazados do 22 ao 26 de outubro nas diferentes facultades e escolas, na Escola Infantil do campus, no Pavillón Universitario e na Casa das Campás. Inserida no plan de acción do proxecto Green Campus, a iniciativa que a Vicerreitoría promove coa colaboración da Oficina de Medio Ambiente (OMA) da Universidade ten como obxectivo tanto a concienciación da comunidade universitaria como promover un correcto tratamento como residuos dos aparatos que funcionan con electricidade, pilas ou baterías.

“É unha medida que se vén facendo desde hai anos, que sabemos que funciona ben e que para nós é moi interesante, porque está no centro do espírito do Green Campus”, sinala Carlos Souto, responsable no campus dun programa que busca por unha banda “que se poidan recuperar aparellos vellos que aínda poden ter unha segunda vida”, grazas á colaboración do Grupo de Reciclaxe Informático da Universidade de Vigo (Gruvi), como, por outra, dar “un final adecuado a uns residuos que teñen compoñentes contaminantes” a través do seu traslado a un xestor autorizado.

CCSS e da Comunicación e a EE Forestal, as máis participativas

Destes máis de 150 aparellos e dispositivos recollidos, 63 foron depositados no punto instalado na entrada da Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación, o centro que rexistrou unha maior actividade nesta oitava Semana de Recollida de RAEEs e ata o que a comunidade universitaria achegou obxectos como sete ordenadores, catro impresoras, catro teléfonos móbiles ou numerosos compoñentes informáticos. Na Escola de Enxeñaría Forestal, por outra banda, reuníronse un total de 38 aparellos, desde impresoras ou básculas ata batedores ou secadores; mentres que na Escola Infantil do campus xutáronse 22 RAEE, entre eles varios xoguetes que funcionan con pilas e baterías, e na Facultade de Fisioterapia, outro dos puntos con maior participación, 17 aparatos e dispositivos informáticos.

Segundo explica Souto, no plan de acción do proxecto Green Campus para este curso figura a celebración de dúas edicións máis desta inciativa, que en 2019 volverá desenvolverse “en febreiro e probablemente en maio”.