A Orquesta Clásica de Vigo chega ao ecuador do seu programa cun concerto insólito no Teatro Afundación

Dous pianos de cola presidirán o escenario xunto á formación en Ás dúas beiras: Poulenc + Gershwin, este sábado ás 20.30 horas
Publicado por o día 30/04/2019 na sección de Cultura,Galicia,Vigo

A Orquesta Clásica de Vigo chega ao ecuador do seu programa cun concerto insólito no Teatro Afundación

A Orquesta Clásica de Vigo chega ao ecuador da súa programación anual cun concerto insólito no Teatro Afundación de Vigo. Nesta sesión, que se celebrará este sábado ás 20.30 horas, dous pianos de cola presidirán o escenario acompañando á formación con dous solistas excepcionais, Severino Ortiz e María del Mar Blanco.

Baixo a batuta do director artístico Manuel Martínez Álvarez-Nava, os pianistas e A Clásica interpretarán Concerto para dos pianos en re menor, de Francis Poulenc; Cuban Overture (Abertura Cubana), de George Gershwin e Porgy and Bess (Suite) (Porgy e Bess), de George Gershwin.

Un programa contemporáneo que amosa unha selección de obras de dous compositores que forxaron as súas carreiras con carácter paralelo á cadansúa beira do Atlántico, Poulenc en Paris e Gershwin en Estados Unidos. Melodías que percorren o folclore americano, onde a Orquesta Clásica de Vigo exercerá como instrumento de percusión ao servizo de dous pianos.

Ilusión renovada

A agrupación afronta este concerto cunha ilusión renovada despois de coñecer a súa nomeación xunto a Tangata como finalistas dos Premios Martín Códax da Música na categoría de Música clásica e contemporánea co seu proxecto de tangos sinfónicos. Esta iniciativa concretouse nun concerto que puxo o broche final aos actos de conmemoración do trinta aniversario do grupo de tango.

Comentar noticia

Your email address will not be published.