A Orquesta Clásica de Vigo revive o son do clavecín para o concerto clásico do 6 de abril

A formación traerá expresamente o instrumento dende Pereiro de Aguiar para a sesión, que terá lugar no Auditorio Municipal do Concello de Vigo
Publicado por o día 20/03/2019 na sección de Cultura,Eventos,Galicia,Vigo

A Orquesta Clásica de Vigo revive o son do clavecín para o concerto clásico do 6 de abril

A Orquesta Clásica de Vigo recuperará o son do clavecín para o concerto clásico que ofrecerá o sábado 6 de abril no Auditorio Municipal do Concello de Vigo e no que interpretará obras de Purcell, Vivaldi e Haydn. A formación traerá este instrumento, que data do século XV, dende Pereiro de Aguiar (Ourense) despois de que a súa propietaria e membro de A Clásica, Mar Blanco, o encargase facer en Zaragoza no ano 2010.

O tamén denominado clavicémbalo, gozou de moita popularidade no Barroco pero foi substituído polo fortepiano –antecesor do piano moderno- a mediados do século XVIII. Sempre se caracterizou pola súa extrema delicadeza: construído en madeira de pino, debe estar a unha temperatura ambiente de entre 40º e 60º de humidade e as súas cordas pulsábanse antigamente con plumas de oca ou de corvo.

É por isto polo que o director artístico da Orquesta Clásica de Vigo, Manuel Martínez Álvarez-Nava, decidiu incorporar este instrumento á sesión do 6 de abril. “Neste concerto queriamos darlle máis protagonismo á sección de corda, nun intento de evocar os nosos primeiros ensaios”, apunta Martínez.

The Fairy Queen (Suite) (A raíña das Fadas), de Henry Purcell, Concerto para óboe en re menor; op. 8 n.º 9, de Antonio Vivaldi e Sinfonía n.º 45 en fa sostido menor, de Franz Joseph Haydn son as pezas escollidas para este segundo concerto da temporada, no que David Garrido Caneiro exercerá como solista.

Ás dúas beiras: Poulenc + Gershwin

A Clásica volverá outorgarlle protagonismo a outro instrumento na súa terceira sesión, o sábado 4 maio no Teatro Afundación. Nesta ocasión, serán dous pianos de cola os que ofrecerán un espectáculo musical incomparable a través das obras de Poulenc e Gershwin.

Comentar noticia

Your email address will not be published.