A orquestra folk Sondeseu inaugura en Glasgow a 26ª edición do Festival Celtic Connections con especial protagonismo galego

Por o 18/01/2019 | Sección: Cultura
A orquestra folk Sondeseu inaugura en Glasgow a 26ª edición do Festival Celtic Connections con especial protagonismo galego

O director da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic), Jacobo Sutil, asistiu onte á noite no Royal Concert Hall de Glasgow ao concerto que a orquestra de folk galega Sondeseu ofreceu na gala inaugural da 26ª edición do festival Celtic Connections, que este ano lle concede un protagonismo especial a Galicia a través do seu programa Showcase Scotland e co apoio da Xunta.

Con 48 músicos sobre o escenario e baixo a dirección de Xaquín Xesteira, Sondeseu ofreceu unha actuación de máis dunha hora diante dos 1500 asistentes á inauguración, durante a que estrearon a peza Suite de San Martiño, composta por Anxo Pintos e inspirada nas Ilas Cíes. O programa completouse con temas de Beiralúa, o seu último disco, ademais de pasodobres, rumbas e muiñeiras tradicionais. O broche de ouro púxoo unha interpretación compartida cunha formación de músicos escoceses reunida para a ocasión.

Comentar noticia

Your email address will not be published.