A pandemia paralizou o 40% da actividade empresarial en Galicia

Destacan que a incerteza e a preocupación polo emprego son as principais inquedanzas do sector
Publicado por o día 20/05/2020 na sección de Coronavirus,Economía,Emprego,Galicia,Universidade de Vigo

A pandemia paralizou o 40% da actividade empresarial en Galicia

A incerteza e a preocupación polo emprego son as principais inquedanzas do empresariado diante da pandemia, que paralizou nun 40% a actividade empresarial en Galicia. Esta é unha das conclusións que se recollen no informe A situación do emprendemento en Galicia diante da COVID-19, un estudo desenvolvido en Galicia polo Grupo GEM-Galicia baixo a dirección das profesoras da Universidade de Santiago de Compostela Isabel Neira e Loreto Fernández e no que participaron os investigadores da Universidade de Vigo Alberto Vaquero e Pilar Piñeiro.

O informe, explican os seus responsables, enmárcase no proxecto promovido polo Observatorio do Emprendemento en España (Rede GEM), coordinado tamén a nivel estatal polas profesoras Isabel Neira e Mar Fontes, da Universidad de Granada, e no que se analizan os datos sobre o impacto da pandemia na actividade emprendedora recollidos nunha enquisa  realizada entre o 20 e o 30 de abril de 2020. Segundo a opinión maioritaria das persoas enquisadas no informe, a COVID-19 provocou un problema de demanda causado principalmente pola incerteza e no que tamén interfiren directamente outros parámetros relacionados co tamaño ou dimensión, sector e coa fase na que se atope o proxecto empresarial. Así, no documento destácase que as necesidades do colectivo emprendedor e, por tanto, as respostas da administración deben de ser diferentes e adaptadas ás circunstancias individualizadas.

O documento recolle que case a metade das empresas, independentemente do seu tamaño, continuaron o seu labor a través do teletraballo das e dos seus empregados. Este é, indicase no informe, o cambio máis relevante da forma de traballar que se produciu en todos os ámbitos da economía, aínda que é especialmente relevante nos servizos a empresas (o 81% dos emprendedores que ofrecen servizos a empresas acolléronse a esta modalidade). Doutra banda, o 53% das empresas que ofrecen servizos ao consumidor final optaron polo peche temporal durante o período de confinamento, tal e como recolle o documento.

Estratexias diferentes

Segundo recolle o informe, a maior parte das empresas víronse afectadas por unha caída na demanda, a pesar de que se observan diferenzas entre sectores. Así, detállase no texto, o 53% das empresas de servizos ao consumidor non tiveron demanda ao permanecer pechadas; no sector industrial, un 80% das empresas percibe unha redución na demanda e o 62% das empresas que ofrecen servizos a outras empresas, maioritariamente abertas, tamén viron reducida a súa demanda. A diferenza doutras ocasións, indican os responsables do estudo, neste caso o sector primario é unha excepción, como o proba o feito de que o 57% das empresas deste sector conseguiron manter a súa demanda.

A análise de impacto realizada polo Grupo GEM Galicia logo de 50 días de estado de alarma recolle tamén as diferentes estratexias adoptadas para facer fronte a esta situación excepcional. Así, indícase que un 9% aplicaron recortes salariais, o 20% dos casos optou pola redución de horas e un 15%, redución de empregados. As cifras rexistradas en Galicia son lixeiramente inferiores á media española en todos os aspectos. As empresas que continuaron operando na modalidade telemática, engádese no informe, son as que sufriron maiores recortes, tanto en salarios como en emprego, e é aquí onde as diferenzas son maiores coa media española. Así, o 62% das empresas galegas admiten acudir a estes recortes, o dobre da media estatal. Ademais de axustar o número de empregados, no sector de servizos a empresas o 19% das organizacións traballou grazas ás alianzas dentro da cadea de subministracións, ou á cancelación de pedidos a provedores, no caso dos servizos ao consumidor. En ambos os casos, máis dun 20% das empresas reorientou o seu negocio.

O estudo realizado tamén recolle que o impacto da Covid-19 nos negocios foi negativo ou moi negativo para o 85% das empresas de Galicia, unha estatística lixeiramente superior ao 79% da media española. O 60% destas firmas ven un futuro inmediato incerto, e así un 22% dos emprendedores xa cambiou o seu modelo de negocio e o 13% dos que continúa operando e o 8% dos que pecharon temporalmente teñen previsto a futuro cambiar de actividade, así como buscar novos clientes (36%). Respecto das posibles solucións propostas para saír da crise, as alternativas viables máis recorridas pasan segundo o informe feito público este venres pola procura de financiamento externo, tanto a través das entidades bancarias como a través de novos investidores.

Comentar noticia

Your email address will not be published.