A parroquia de Santo André de Comesaña recupera a súa identidade toponímica

É o quinto volume dunha colección editada pola Universidade e o Concello de Vigo
Publicado por o día 15/10/2018 na sección de Galicia,Universidade de Vigo,Vigo

A parroquia de Santo André de Comesaña recupera a súa identidade toponímica

A colección Toponimia do Val do Fragoso segue ampliando o coñecemento sobre as parroquias viguesas, desta volta, cun novo libro centrado na parroquia Santo André de Comesaña. Editado tanto en formato físico coma dixital, é o quinto volume deste proxecto que xorde dunha colaboración entre a Universidade de Vigo e o Concello de Vigo. Esta iniciativa ten como obxectivo recoller, estudar e difundir os nomes dos lugares de Vigo.

A publicación céntrase na parroquia de Santo André de Comesaña, situada na ladeira sueste do val do Fragoso e dividida á metade polo río Lagares, o que propiciou a industrialización dunha parte da parroquia, sendo hoxe unha das zonas máis desenvoltas do concello de Vigo. Porén, este proceso de crecemento, as novas vías de comunicación, a urbanización e os novos estilos de vida favoreceron a perda da transmisión oral de nomes, cantigas, costumes… Para recuperar todo este patrimonio perdido, Anxo Rodríguez Lemos, estudante de doutoramento na Universidade de Santiago de Compostela e autor do libro, tiña como obxectivo favorecer, coa súa publicación, o mantemento da historia, a orixe e o significado dos nomes de lugar desta zona. “Foi a miña primeira achega, dende a historia,  ao eido da toponimia viguesa con máis de 700 nomes de lugar, moitos deles nunca antes escritos”, explica o investigador.

Maila que é a primeira vez que participa nesta colección de libros sobre nomes de lugares vigueses, Anxo R. Lemos ten experiencia no estudo toponímico. Participou en 2012 no I Curso de Formación de Especialistas en Toponimia que viña de ser organizado de forma conxunta entre os concellos de Vigo, Pontevedra, Ourense e o Instituto de Estudos Miñoráns (IEM) co apoio da Universidade de Vigo. Este curso, xunto co traballo de campo nas parroquias de Bembrive, Zamáns, Candeán e Comesaña, entre outras, supuxo o xermolo para a posterior recompilación en formato de libro dunha análise pormenorizada dos microtopónimos recollidos e a tradición oral relacionada.

Unha paixón dende cativo

O autor do libro comezou a interesarse na historia que ocultaban os nomes cando con 14 anos tivo que realizar un traballo sobre toponimia no IES Primeiro de Marzo. Foi entón cando por primeira vez descubriu o marabilloso mundo que había detrás dun simple nome. Persoas de renome neste ámbito como Xosé Lois Vilar Pedreira ou o profesor da Universidade de Vigo Gonzalo Navaza foron os encargados de transmitirlle os coñecementos, os instrumentos e a metodoloxía para este estudo tan pormenorizado. Pero foi finalmente no Instituto de Estudos Miñoráns onde “acabaría por callar en min unha paixón difícil de deixar na que, por desgraza, traballamos poucos e son aínda menos os que, a pesar da formación inicial, logran chegar á xente e facer recollidas exhaustivas e serias”.

Para o estudo toponímico da parroquia de Comesaña, Anxo R. Lemos seguiu unha metodoloxía estrita cuns parámetros fixos como por exemplo “traballo en campo, comisións do Proxecto Toponimia de Galicia en canto á xeorreferenciación dos topónimos sobre ortofoto, a sinalización en distintas cores segundo a súa tipoloxía (terras, vías de comunicación, auga, accidentes xeográficos…) ou a súa ortografía”.

Axudando a preservar a identidade

A elección da parroquia non foi aleatoria, Comesaña está unida a este estudante de doutoramento por parte paterna. “Dende o punto de vista do estudo foi interesante por tratarse dunha das parroquias que padeceron do proceso de industrialización experimentado pola cidade olívica, non só en canto a perda de terras senón tamén como atracción daquelas persoas que, traballando antes a terra, pasaron a ocuparse noutros sectores desapegados dos nomes cotiás da paisaxe ou dos alcumes dos seus veciños/as”.

Fronte a isto, a toponimia fosiliza a paisaxe e a historia dun territorio que queda rexistrado polos nomes. Anxo R. Lemos teno claro, xa que “cada día que pasa perdemos centos de nomes que se esvaecen á par da vida das persoas que falecen e levan consigo un saber herdado de pais a fillos. Dos informantes depende o noso traballo, sen eles, é difícil seguir o rastro dun patrimonio inmaterial moitas veces nunca escrito alén das partillas familiares, os testamentos, as escrituras ou o reparto das augas dunha presa”, conclúe o autor.