A participación veciñal para o deseño do tratamento dos residuos complétase con nove achegas máis

Rematou o período de recepción de suxestións habilitado na web municipal, que se incorporan ás máis de 400 recibidas no último ano.

O Concello de Pontevedra vén de rematar a fase de participación habilitada na web municipal para elaborar a norma que rexerá o servizo de Xestión integral dos residuos sólidos urbanos e da limpeza do espazo público. As nove suxestións presentadas neste último mes véñense a sumar ás máis de 400 recibidas durante no ano que o Departamento de xestión de residuos, que dirixe Raimundo González, recadou de todos os veciños e veciñas, asociacións, sindicatos, colectivos empresariais… que quixeron facer as súas achegas para continuar a traballar no deseño da cidade sostible e amábel que o Goberno está a impulsar.

Estas nove suxestións manteñen a liña das anteriores con peticións sobre a ampliación do sistema de xestión dos biorresiduos e da recollida selectiva. Tamén sobre a limpeza viaria ou a contenerización, entre outras. Raimundo González destacou que estas propostas veñen a confirmar “o gran compromiso ambiental dos veciños e veciñas de Pontevedra”, algo que xa está no ADN da cidade.

Ademais, o departamento que dirixe Raimundo González traballa na celebración dunha xornada on-line sobre o programa de xestión de residuos e o seu futuro, no que todas as persoas ou entidades que o desexen se poderán seguir facendo achegas e que servirán para deseñar o regulamento do servizo. Esta xornada será presentada nos vindeiros días.

O regulamento do servizo de xestión integral de residuos sólidos pretende definir as relacións entre os usuarios e a entidade que presta o servizo. Polo tanto, o posible contido e estrutura desta norma podería ser: exposición de motivos, disposicións xerais; recollida de residuos esparexidos en espazos públicos: limpeza viaria; xestión de residuos de competencia municipal; disposicións xerais: cuartos de residuos, da presentación e depósito dos residuos municipais e dos recipientes utilizados, recollida selectiva, compostaxe nos fogares e centros de compostaxe comunitario, do
punto limpo, da compostaxe nos fogares e centros de compostaxe, do tratamento dos residuos municipais, residuos sanitarios, residuos de construción e demolición procedentes de obras menores; hixiene urbana de instalacións diversas na cidade; uso do dominio público con actividades diversas no ámbito da hixiene urbana; animais domésticos; hixiene no ámbito persoal, outras actividades; disposicións de policía e réxime sancionador: inspección e control, infraccións, sancións; outras disposicións.

A solución verde á crise COVID

A aposta ambiental que marca as liñas de traballo do Goberno dende hai anos, vén referendada nos orzamentos de 2021 que recollen a solución ecolóxica e verde como única vía de saída á actual crise económica, segundo explicou Raimundo González na súa comparecencia no pleno de orzamentos, e que é a esencia do Efecto PO2.

A este respecto, Pontevedra está nunha boa posición de saída e así o reflicten os datos facilitados polo concelleiro. A decembro de 2020, o Concello recuperou o 25% dos seus biorresiduos a través dos centros de compostaxe comunitaria, dos colectores individuais e do plan piloto Composta. Foron 3.200 toneladas de residuos orgánicos que se transformaron en compost. A intención do departamento é chegar a tratar 6.000 toneladas en 2021, é dicir, case ao 50%.

Ao respecto da recollida selectiva, no último ano incrementouse a retirada de envases até 1.157 toneladas; de papel e cartón até 1.809 toneladas; a de vidro até 1.150 toneladas. Case 4.100 toneladas para reciclaxe que sumadas ao tratamento dos residuos orgánicos, no ano 2020 Pontevedra deixou de enviar a Sogama o 22% de todos os residuos que produce no Concello, é dicir, arredor de 7.300 toneladas.

Noticias de última hora en Vigo. Te contamos todo lo que sucede en nuestra ciudad. Desde los sucesos más relevantes hasta artículos de opinión y de interés.

SIGUENOS EN TELEGRAM