A permeabilización do parque Rosalía de Castro completa os traballos de mellora da contorna do Pazo da Cultura

Consolídase o camiño de pés nacido polo uso do estacionamento e recéntrase a estatua da escritora
Publicado por o día 28/03/2019 na sección de Galicia,Pontevedra

A permeabilización do parque Rosalía de Castro completa os traballos de mellora da contorna do Pazo da Cultura

O remate das obras de permeabilización do parque Rosalía de Castro cara á explanada do recinto feiral e a consolidación e renovación do circuíto peonil da fachada da avenida de Compostela completan os traballos de mellora da contorna do Pazo da Cultura.

A Concellería de Parques, Xardíns e Medio Ambiente Natural puxo en marcha estes traallos de mellora co fin de que este espazo ao carón do Pazo e de paso cara ao campus estea en boas condicións de uso e goce da veciñanza. Trátase dun espazo moi transitado por estudantes universitarios e membros da ampla comunidade educativa da Xunqueira, ademais de pola xente que se achega ao Pazo da Cultura.

A permeabilización do parque Rosalía de Castro supuxo a creación dunha nova senda peonil que consolida o camiño de pés xerado polo tránsito de persoas pola zona e que conecta a pista de saída dos vehículos do estacionamento do Pazo coa vía de acceso á este estacionamento. Ademais tamén eliminouse un acceso rodado feito por condutores a través do propio parque (situado entre a entrada ao estacionamento e a súa saída).

Está previsto facer neste espazo un tratamento de xardinería para que recupere a zona verde. Por outra banda recéntrase a estatua de Rosalía de Castro, situada no entronque coa ponte de Santiago, de tal xeito que sexa máis visible, especialmente tendo en conta que é a figura que lle dá nome ao parque.

Coa renovación do circuíto peonil da fachada da avenida de Compostela, que une a ponte de Santiago co campus universitario se está a resolver tamén os problemas de pluviais que provocaran o deterioro do firme e a creación de fochancas. Ademais os traballos incluíron a limpeza e reparación dos bancos iluminados con cores da fachada desta avenida e o arranxo de todo o dispositivo de iluminación.