A Piscina Municipal enchéndose de novo para retomar a súa actividade

Unha vez chea e coas probas da legionela xa realizadas, procederase á depuración da auga e a solicitar a visita de Sanidade para certficar a aptitude para o uso

O pavillón Óscar Pereiro está a ser obxecto de obras de mantemento e mellora de cara á vindeira tempada. Os traballos de encintado do vaso da piscina e selado dos azulexos xa se realizaron e nestes momentos estase levando a cabo o enchido do mesmo, que se prolongará durante varios días máis, ata a semana que ven, e irá seguido da depuración da auga para que sexa apta e a chamada a Sanidade da Xunta de Galicia para que comprobe que así é e certifique as idóneas condicións de uso. Onte xa se recibiu a visita técnica para facer as pertinentes probas da legionela, polo que a semana que ven prevese que todo estea listo e a punto no vaso da Piscina Municipal de Mos.

Ademais estanse a acometer tarefas de mantemento na sauna, vestiarios, etc. e pintaranse teitos e paredes para que todos os espazos estean perfectamente preparados para o inicio da vindeira tempada. Tanto estes traballos como os de enchido do vaso da piscina foron supervisados esta mañá polo tenente alcalde e concelleiro de Vías e Obras mosense, Camilo Augusto.

Ademais o goberno local atópase ultimando a folla de ruta para a actividade municipal a partir de setembro, como xa se anunciara a semana pasada, que estará baseada no rigoroso cumprimento dos protocolos de seguridade sanitarios e iranse anunciando próximamente as medidas concretas a adoitar en cada ámbito e/ou colectivo.

Un deses ámbitos é o deportivo, que inclúe (entre outros moitos aspectos, colectivos e edificios) as dependencias e instalacións deportivas municipais, entre as que se atopa o Pavillón Óscar Pereiro e a Piscina Municipal nel ubicada, sobre as que próximamente irase informando á veciñanza mosense de todas e cada unha das medidas e decisións adoitadas, data de reapertura, horarios, condicións de uso, etc.

Se ben, primarase sempre a seguridade e a saúde da cidadanía, cumprindo escrupulosamente os protocolos sanitarios, e as medidas, recomendacións e normas establecidas neste senso; e priorizaranse a prudencia e a cautela por riba de todo.

 

Mellora da cuberta do Pavillón Óscar Pereiro

Con cargo ao Plan Concellos, a administración local mosense executará tamén a mellora da cuberta do Pavillón Óscar Pereiro na súa parte translúcida. Substituiranse tódalas pranchas existentes substituíndoas por outras novas de policarbonato celular de 30 mm de espesor e 900 mm de ancho. As novas pranchas estarán ancoradas á estrutura portante mediante abrazadeiras de ancoraxe.

Con esta mellora obterase unha transmisión de luminosidade do 52%, o que suporá un aforro na enerxía eléctrica da instalación e lograrase maior claridade no interior do pavillón, ademais de evitar as filtracións de auga. A integración co resto da cuberta é perfecta, por ter un sistema de unión en forma de alas, polo que forma un plano compacto, unindo as pranchas. Ademais asegura a entrada da luz sen necesidade de cambios de temperatura e evita fugas térmicas ou entrada de humidades. A superficie en planta da cuberta do pavillón é de 1.298,00 metros cadrados, sendo a superficie de policarbonato de 500 metros cadrados. O orzamento de execución material ascende a 21.000 euros.

Noticias de última hora en Vigo

SIGUENOS EN TELEGRAM

Comentarios (0)
Publicar comentario