A pista principal do núcleo de Avecil, en Cuñas, quedou asfaltada completamente nunha actuación acometida polo Concello de Ponte Caldelas. A obra resolve unha vella demanda da veciñanza ao mellorar os accesos a ducias de vivendas situadas nesta zona.
Os traballos abranguen o tramo de preto dun quilómetro da pista municipal que se atopaba en mal estado, entre as inmediacións do campo de fútbol e o remate do trazado, onde comeza a vía de acceso á central hidroeléctrica de Hidrofreixa. Ademais, a actuación permitiu a retirada de raíces e a pavimentación do acceso a unha vivenda, que ata o de agora estaba resolto en firme de terra.
A pista de Avecil contaba cun pavimento moi antigo e cunha rasante completamente irregular. Nalgunhas zonas as fochancas eran tan profundas que tiña desaparecido totalmente tanto o asfalto como a súa base. Algúns puntos, como unha curva situada nunha forte pendente, facían mesmo difícil transitar aos vehículos, que se vían obrigados a circular polos laterais de terra.
Dáse a circunstancia de que esta pista é moi utilizada non só pola veciñanza de Avecil e polo persoal da central hidroeléctrica, senón tamén polos moitos afeccionados ao deporte do barranquismo ou ao baño no río Verdugo.
O Goberno local caldelán (PSdeG-PSOE, AVP e BNG) completa así o seu programa de mellora na rede de camiños de Avecil, onde xa realizou tres importantes operacións de asfaltado ao longo deste mandato, impulsando así un cambio moi substantivo con respecto á situación atopada ao principio do mandato.
Noticias de última hora en Vigo